Nova Semana Santa de aventura para 40 mozos composteláns en Portugal

O concelleiro de Xuventude, Adrián Varela, presentou o Programa de Ocio e Aventura en Semana Santa. Tras o éxito da primeira edición en 2012, renóvase a aposta por esta oferta de turismo activo e deporte de aventura a desenvolver do 25 ao 27 de marzo no , en Ribeira da Pena (Portugal). Esta proposta terá unha segunda entrega, de cinco días, no mes de xullo.

Segundo indicou Adrián Varela, este programa quere proporcionar á mocidade de Compostela unha alternativa de lecer e fomentar a práctica deportiva e adquisición de hábitos saudables. Tamén quere ser un punto de encontro e un medio para sensibilización sobre o medio natural.

Os participantes partirán cara o Parque Pena Aventura o luns 25 de marzo e regresarán a tarde do mércores 27. Ao longo das tres xornadas, realizarán actividades de descenso no Fantasticable (tirolina), paseo en Segway X2, ruta aventura, rafting (novidade este ano), escalada, paintball, salto negativo ou minigolf, entre outras. En especial, o concelleiro destacou o descenso na segunda tirolina máis longa de Europa, na que se poden alcanzar velocidades superiores aos 100 km/hora.

Preinscrición
O programa está destinado a mozos e mozas de 16 a 30 anos, empadroados no Concello de Santiago. Poderanse inscribir ata 40 persoas (10 de 16 a 18 anos e 30 de 18 a 30 anos). A conta de inscrición, que inclúe monitoraxe, desprazamento e pensión completa é de 45 euros. O Concello achega a este programa 4.200 euros.

Os interesados deberán formalizar unha preinscrición, entregando o impreso correspondente no Rexistro Xeral do Concello (rúa Presidente Salvador Allende) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado, nº 14-16), en horario laborable de 9:00 a 14:00 horas. A data límite é o 11 de marzo.

Unha vez confirmada a praza polo Departamento de Xuventude, realizarase a inscrición entre o 12 e o 19 de marzo, segundo o procedemento que se lle indicará aos admitidos. As prazas serán cubertas por rigoroso orde de preinscrición.

Nova quenda en xullo
Adrián Varela apuntou que durante esta semana se presentará a programación de cursos e actividades da Concellería de Xuventude para o vindeiro semestre do ano. Neste calendario estará incluída unha nova entrega desta actividade de aventura. Outros 40 mozos e mozas poderán gozar dunha proposta que desta vez se realizará ao longo de cinco días. Será na segunda semana de xullo.

Exposición de banda deseñada
Por outra parte, o concelleiro anunciou que do 19 de febreiro ao 9 de marzo estará aberta no Centro Municipal e Xuvenil Municipal do Ensanche a exposición Entre viñetas. Relatos e soños gráficos do IES de Sar.

Esta mostra exhibe os resultados do Curso de Iniciación ao Cómic realizado en 2012 por alumnos de Bacharelato Artístico do IES de Sar. O seminario foi impartido polo artista Miguel Ángel Vigo Baleirón.

Direccións relacionadas

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar