A Universidade de Vigo lanza un globo á estratosfera

 

   Un grupo de investigadores da Universidade de Vigo comezou este luns unha serie de lanzamentos de globos ata a estratosfera, a 30 quilómetros de altura, e que levan diversos elementos que formarán parte dos satélites nos que está a traballar a institución académica. O obxectivo é probar estas pezas, en condicións de baixa presión e temperatura, antes de poñer en órbita os citados satélites.

O lanzamento do primeiro globo, este luns, estaba previsto para as 9.00 horas no aparcamento da Escola de Enxeñaría Industrial, se ben se atrasou algo máis de dúas horas a causa duns permisos de tipo militar, pois os de Aena xa foran concedidos. O globo tardará unhas dúas horas en ascender e logo outras dúas horas en baixar e, segundo as previsións, tomará terra no ámbito do municipio lucense de Sober.

Segundo explicou o coordinador do proxecto, Gabriel García, trátase do primeiro globo dunha serie de cinco lanzamentos nos que se irán realizando comprobacións de diversas pezas que se instalarán en futuros satélites. O globo desta mañá, inflado de helio para poder ascender, leva un equipamento que medirá temperatura, aceleración, velocidade angular, o campo magnético e a gravidade.

O obxectivo é probar todo este material en condicións parecidas ás do espazo, onde hai baleiro e moi baixas temperaturas. Ademais de todos estes sensores, o globo tamén vai equipado cun GPS que emite un sinal cada 30 segundos –para poder coñecer a súa localización– e cunha cámara de vídeo que permitirá tomar imaxes da curvatura terrestre, tendo en conta que o globo subirá a 30.000 metros, o triplo da altura á que voan os avións comerciais.

Todos estes compoñentes tecnolóxicos van gardados no interior dunha caixa hermética e estanca de 800 gramos de peso onde se almacenarán os datos, coma se fose a caixa negra dun avión. O globo subirá ata a estratosfera e alí, a unha menor presión, expandirase ata rebentar, tras o que comezará a baixar cun paracaídas.

Por iso, e grazas ao sinal do GPS e dun programa que deseña a traxectoria que terá o móbil, o equipo investigador trasladarase ata o punto de aterraxe para recuperar a caixa que contén o equipamento e toda a información solicitada.

Segundo explicou José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento e director do Grupo CUME, o equipamento que se inclúe neste primeiro lanzamento é máis sinxelo, se ben nos seguintes globos xa se lanzarán compoñentes como os mecanismos de despregamento de antenas e paneis solares e as baterías.

PRÓXIMOS SATÉLITES

As probas que se realizan nestes lanzamentos estratosféricos teñen a función de comprobar os compoñentes de futuros satélites deseñados pola Universidade de Vigo. O lanzamento do satélite do proxecto Humsat realizarase dende un foguete ruso posiblemente en maio ou xuño, mentres que no caso do Femtosat espera que poida ser o próximo ano.

O investigador Fernando Augado, encargado dos proxectos espaciais da institución académica –nos que a viguesa é pioneira entre as universidades españolas– explicou que o proxecto Humsat consistirá nun satélite de comunicación de baixa órbita, a uns 600 quilómetros de altura, e que está pensado para recoller datos, como poden ser escapes de contaminación, a través de sensores.

Este proxecto, que conta co apoio da ONU e a Axencia Espacial Europea (ESA), inclúe o lanzamento do primeiro satélite e, posteriormente, doutros con toda unha constelación deles, pois o obxectivo é crear unha rede mundial de seguimento a través de sensores.

En canto á aparencia de Humsat, destacou que «por fóra» é similar a Xatcobeo, o primeiro picosatélite enviado ao espazo pola universidade viguesa e que xa leva un ano en órbita, se ben os compoñentes electrónicos que levará no seu interior serán diferentes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar