Carlos Núñez visita o Museo de Cornamusas de Ourense

O director da Real Banda de Gaitas, Xose Luís Foxo, con Carlos Núñez

O gaiteiro Carlos Núñez visitou o Museo Internacional de Cornamusas da Deputación de Ourense para coñecer as coleccións deste espazo expositivo e as novidades do mesmo, da man do director da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda, Xosé Lois Foxo. Carlos Núñez interesouse polas novas pezas que ven de incorporar o museo á súa colección, entre as que figura o “Chorus medieval” así como a colección de “Pliegos de cordel”, recentemente incorporada ao  museo. Asemade, o afamado gaiteiro donou ao arquivo da Escola Provincial de Gaitas unha importante colección de partituras recollidas nas súas xiras internacionais, establecéndose  unha liña de colaboración no ámbito divulgativo entre o gaiteiro e a Escola Provincial de Gaitas.

O Museo Internacional de Cornamusas acolle unha das coleccións máis singulares do mundo no ámbito da gaita, e permite facer un percorrido deste instrumento dende a súa orixe e evolución ata á actualidade. O museo organiza ao longo do ano xornadas de portas abertas para centros de ensino, colectivos sociais e persoas interesadas polas gaitas do mundo. Nestas xornadas realízanse visitas guiadas para grupos así como mostras interpretativas. Actualmente o museo alberga 60 variantes das cornamusas de Europa, Asia e África, constituíndo unha das coleccións máis importantes do mundo no seu xénero. No museo tamén se pode contemplar unha importante mostra de plegos de cordel ou coplas de cego así como outros instrumentos asociados á música tradicional e iconografía.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar