O deán da Catedral aposta por «pechar o capítulo do Códice»

O deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, que substituía hai menos dun mes no cargo a don José María García, aposta agora por que o xuízo polo roubo do Códice Calixtino sirva para «pechar este capítulo» na historia da basílica compostelana e para «recomezar» na xestión con «zume novo».

Así o explicou Segundo Pérez nunha entrevista concedida a Europa Press na que considerou «excesiva» a expectación xerada en torno ao xuízo polo roubo do Códice, algo polo que non se mostrou preocupado e que, cree, contribuirá a «pechar un capítulo» na historia da Catedral.

Este capítulo, non obstante, saldárase coa renuncia, primeiro como arquiveiro e logo como deán, de don José María Díaz, predecesor de Segundo Pérez en ambos os dous cargos e que, tal e como o recorda o novo deán, «pasouno moi mal» no último ano e medio. «Queira Deus que non teña que pasar eu polas que pasou el e polas que está a pasar», indicou Segundo Pérez, quen, non obstante, considerou que a súa situación «é distinta» á de José María Díaz.

Sobre os motivos da súa elección, don Segundo Pérez indica, neste sentido, que probablemente a súa non vinculación directa previa coa Catedral puido ser un punto ao seu favor, aínda que «aquí non se fan campañas electorais», chanceou.

De feito, antes de ocupar esta responsabilidade, Segundo Pérez de dedicou durante décadas á docencia no Instituto Teolóxico Compostelano, polo que a súa incorporación como deán foi un xeito de «abrir o cabido» e «incorporar xente nova para continuar esta tarefa». «Efectivamente, creo que un proceso de renovación podería ser un pouco a razón –da súa elección–. Necesitamos zume novo, necesitamos persoas novas», apostilou.

CAMBIOS

Tras o roubo do Códice Calixtino, que foi localizado un ano despois nun garaxe de O Milladoiro, a Catedral de Santiago experimentou numerosos cambios.

«Creo que foi importante este ano e medio, sobre todo porque se diversificaron as funcións, hai un maior control e hai un afán de que haxa claridade, claridade en todo, tanto nos aspectos económicos coma nos aspectos pastorais», explicou Segundo Pérez.

Neste sentido, o deán asegurou que neste tempo «se fixo moito» por mellorar distintos aspectos da basílica, que pasan tamén por «modernizar» a institución tanto dende o punto de vista administrativo como dende os accesos e o control.

A súa función dentro deste organigrama é para o «de coordinación», como encargado de «levar á práctica o que o Cabido determine». «Podemos dicir que é un cargo que parece que loce moito cara a fóra, pero é fundamentalmente de levar adiante o traballo diario da Catedral», explicou.

IMPLICAR A CIDADANÍA

Segundo Pérez considera que a Catedral de Santiago «non está pechada en absoluto», nin no aspecto físico –dado que é a Catedral do mundo que permanece máis horas aberto– nin no emocional.

Neste sentido, asegurou que, aínda que a cidadanía «si quere á Catedral», en ocasións «despreocúpase un pouco» desta. Para paliar esta situación, o novo deán apostou por levar adiante accións para implicar os cidadáns a través de encontros, xornadas ou «mesmo algunha asociación de colaboración cos fins da Catedral».

Paralelamente, incidiu nos beneficios de continuar coa difusión do patrimonio artístico e literario da Catedral, algo que xa «se está a facer».

«Estase sempre moi dispoñible a todo», apuntou Segundo Pérez, quen recoñeceu que o Códice Calixtino e a situación xerada ao seu arredor «puxo en valor non só o Códice, senón o significado do arquivo catedralicio», os fondos da cal «permiten a toda a sociedade coñecer e facer memoria da súa historia». «Isto non afecta só á Catedral, afecta a Santiago, ao pontificado, aos reis… é un ámbito que os especialistas e os investigadores coñecían perfectamente, pero que ao mellor agora é o momento de achegar tamén á sociedade dalgún xeito», sentenciou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar