As taxas das universidades non subirán para evitar que «a xuventude pague a crise»

 

   O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, garantiu que as taxas universitarias en Galicia non subirán máis para que «a xuventude non pague os efectos da crise».

Preguntado no ‘Fórum Europa. Tribuna Galicia’ sobre se as universidades galegas terán novas subas de taxas, Vázquez sentenciou que: «En concreto, non».

Ante a presenza dos reitores das universidades de Vigo e Santiago, Salustiano Mato e Juan Casares Long, destacou que «eles saben cál é a opinión da Consellería» sobre esta cuestión, ao tempo que valorou «o esforzo e bo traballo» dos centro galegos.

Neste sentido, aínda que remarcou o «momento moi difícil» da administración pública, destacou que «é un compromiso» do Goberno galego e dos reitores non realizar máis subas de taxas para que «a xuventude non pague os efectos da crise».

«É unha aposta deste goberno e contou co apoio dos reitores dende o primeiro momento», sinalou, para agregar que avoga por que as universidades traballen por ser «de excelencia, internacionais e de recoñecemento».

Neste curso 2012-2013 conxeláronse as matrículas en primeira matrícula en Galicia, mentres que as segundas, terceiras e cuartas matrículas das materias soben entre un 20 e un 90 por cento, aínda que será un incremento progresivo, a razón dun terzo de suba cada curso ata o ano académico 2014-2015.

ABANDONO

Preguntado sobre se o abandono dos estudios está a crecer en Galicia polo aumento da crise, Jesús Vázquez explicou que «hai muchísimas implicacións que inciden», pero recoñeceu que «evidentemente, a crise nun momento dado pode afectar ao abandono escolar».

Ao respecto, explicou que «grande parte da xuventude formada se estea a ir fóra de Galicia para atopar traballo» tras «grande parte do esforzo económico e de inversión que se está a facer en Galicia».

Así, recoñeceu as persoas «que si teñen esa formación abandonan Galicia, quedando as persoas con menor cualificación». Preguntado sobre se están a marchar ao estranxeiro os mellores estudantes, matizou que «a mobilidade é un factor esencial», pero «grande parte dos mellores tamén están a quedar» nas universidades e empresas galegas.

Nesta liña, defendeu que, aínda que o diñeiro «é un apoio fundamental» para a educación, «non todo vai asociado ao que é maior incremento dos gastos». Así, puxo como exemplo que ata 2009 aumentaron as partidas destinadas a esta cuestión «e non por iso melloraron os resultados a nivel educativo».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar