Debate parlamentario sobre o paro: Feijóo compromete axudas aos autónomos

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, durante a sesión de control no Parlamento, que o Goberno galego cumprirá o seu compromiso electoral de axudar a que os autónomos contraten ata o seu terceiro empregado. E, deste xeito, precisou unha axuda de entre 4.000 e 6.000 euros para os autónomos que contraten ao seu primeiro traballador e entre 5.000 e 7.000 euros para a contratación do segundo e do terceiro empregado.

Durante a súa intervención, Feijóo afirmou que a loita contra o paro sigue sendo unha das prioridades da Xunta e subliñou que o Goberno galego seguirá traballando por manter unha comunidade solvente e incluso por mellorar os servizos públicos, a pesares da crise económica.

Neste sentido, recordou que nos primeiros 70 días: “Este Goberno presentou os presupostos da comunidade en 17 días hábiles desde que tomou posesión; ningún Goberno de España fora capaz de presentar as súas contas no primeiro mes no que tomou posesión. Garantimos o endebedamento da comunidade aos catro días de que o Consello de Ministros autorizase o endebedamento, é dicir, garantimos a solvencia da comunidade. Aportamos 8 millóns de euros máis aos nosos compromisos coa innovación».


Pachi Vázquez-PSdeG

 


Yolanda Díaz, AGE

 


Jorquera, BNG

 

Diante destas medidas, Feijóo subliñou que, en relación ao paro interanual, de xaneiro do ano 12 a xaneiro do ano 13, Galicia é a cuarta comunidade autónoma onde menos creceu o paro. “Somos –dixo- a segunda comunidade onde menos creceu o paro nos últimos catro anos e, en referencia á Enquisa de Poboación Activa, seguimos con cinco puntos por debaixo da media de España”.

Así mesmo, reiterou que a Xunta seguirá a traballar polo sector naval; “para que en Ferrol haxa carga de traballo”. “Non hai outra posibilidade que carga de traballo ou carga de traballo. Ou barcos ou dique. Non nos imos mover do que estamos plantexando para a ría de Ferrol ou para a ría de Vigo”, sentenciou.

NOVA LEI DA RENDA DE INTEGRACIÓN SOCIAL

No eido social, Feijóo recordou que na pasada lexislatura creáronse 6.000 prazas de Benestar; “e imos crear outras 5.000”, adiantou, logo de precisar que en Galicia hai o cuádruplo de dependentes atendidos en plena crise económica que en época de bonanza, durante o bipartito. “Estamos facendo e ampliando hospitais públicos e diminuímos as listas de espera”, insistiu.

Consciente dos problemas que están a sufrir os máis débiles, Feijóo destacou que a Xunta incrementou o orzamento da RISGA nun 38% e un 29% os seus compromisos coa emerxencia social. “E imos traer á Cámara unha nova Lei da Renda de Integración Social de Galicia, facendo tramos en función das necesidades e compatibilizando o emprego coa RISGA”.

Feijóo asegurou que o Goberno galego seguirá traballando “porque estamos ao lado das persoas que máis o necesitan, porque estas persoas nos deron a súa confianza; e seguirá dando a cara e facendo propostas e mirando cara a diante a pesares da herdanza que nos deixaron”, dixo, en alusión ao Bipartito e ao Goberno de Zapatero.

Durante a sesión de control, o titular da Xunta pediu ao líder do PSdeG que reflexione sobre qué quere para si e para o seu partido: “Se quere un partido que siga as algaradas dos demais; ou se quere un partido que faga unha proposta construtiva. Ten vostede unha oportunidade de colaborar fronte aos problemas que crearon ou ser un problema para o seu partido e para Galicia. Nós imos seguir polo mesmo vieiro, xestionar con responsabilidade, corrixir os erros do pasado, despexar o futuro e dedicarnos a Galicia”.

DATOS DE RENDA E PATRIMONIO

O presidente da Xunta afirmou que o Executivo galego seguirá traballando, tamén, en materia de transparencia, de organización, de colaboración coa xustiza e as institucións e en materia de propia responsabilidade interna. E, neste eido, lembrou que Galicia é unha das comunidades autónomas máis transparente de España.

“Este Goberno é o primeiro que publica os seus bens no Diario Oficial de Galicia. E este Parlamento foi, na anterior lexislatura, o primeiro Parlamento que publicou en 30 anos de autonomía os bens dos seus deputados. En materia de organización, intentamos diminuír o malgasto e, en persoal de gabinete reducimos nun 36% o noso gasto sobre a anterior lexislatura; en alugueiros un 35%; en dietas de locomoción reducimos un 64% o gasto, de 13 millóns de euros no ano 2008 co bipartito a 4,6 millóns; e, en materia de atencións protocolarias un 68,5%”.

Feijóo defendeu que a Xunta é unha administración limpa; “e este Goberno é un goberno honesto”. E, neste senso, anunciou, “por responsabilidade e porque creo que este momento o esixe”, a actualización dos bens dos membros do Goberno galego e a decisión de publicar os datos de renda e de patrimonio “de antes de ser presidente e durante todos os anos de presidente”.

/

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar