O vicepresidente anuncia no Parlamento 300 medidas en favor da igualdade efectiva

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu conta hoxe dos obxectivos e das principais liñas de actuación política do seu departamento nesta lexislatura nunha comparecencia no Parlamento galego, na que avanzou que este mesmo xoves o Consello da Xunta ten previsto aprobar o VI Plan de Igualdade 2013- 2015, con máis de 300 medidas a prol da igualdade efectiva entre homes e mulleres.

Na súa intervención, Rueda sinalou que algúns dos eixos do plan son a equiparación de dereitos, a conciliación, o emprendemento e apoio directo ás familias e, por suposto, a tolerancia cero fronte á violencia e a protección total ás vítimas. Nesa liña, explicou que este mesmo ano se porá en marcha en Santiago o Centro de Recuperación Integral e que tamén está prevista a constitución do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e o Consello Galego das Mulleres, como órganos de consulta, participación e investigación.

O vicepresidente apuntou que a inclusión da Secretaría Xeral de Igualdade no seu departamento reforza a transversalidade destas políticas e indicou que se intensificarán as sinerxías entre a loita contra a violencia de xénero coa xustiza, a seguridade e a relación cos concellos. Nese sentido, tamén anunciou a constitución da Comisión Interdepartamental de Igualdade.

Tamén nese marco, adiantou a activación dun Plan Integral de Formación en violencia de xénero, que contará con contidos formativos especializados na EGAP para persoal da administración; con cursos sobre violencia para os letrados da quenda de oficio; e cunha liña de actividades formativas específicas para a policía autonómica e os corpos de Policía Local de Galicia.

Precisamente a Policía Autonómica tamén pasará a contar cun grupo especializado en violencia de xénero, unha vez se complete o seu cadro de persoal, de tal xeito que participará na investigación e resolución destes casos. Plantarlle cara á violencia de xénero require do compromiso de todos, segundo dixo Rueda, que tamén destacou a implicación das Administracións locais na eliminación desta lacra a través da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

COOPERACIÓN MUNCIPAL

Ao respecto das Administracións locais, o conselleiro de Presidencia salientou a cooperación entre institucións como outro dos eixos polos que aposta o seu departamento e recordou a necesidade de camiñar cara a economías de escala, reducir duplicidades e aumentar a eficacia e a eficiencia na estrutura da prestación de servizos.

Así, avogou unha vez máis pola xestión compartida de servizos por parte dos concellos e recordou que existe o compromiso da Xunta de primar no reparto de subvencións durante dez anos aos concellos que aposten pola fusión. Ademais, incentivaranse as iniciativas de xestión compartida puntual e, para iso, entre o 15 e o 30 por cento da puntuación nas convocatorias de axudas para entes locais primará as solicitudes de concellos agrupados, mentres que os que opten por fusionarse terán unha puntuación mínima do 30 por cento.

O vicepresidente tamén avanzou que nesta nova etapa actualizarase a Lei de Administración Local de Galicia, unha vez o Goberno central aprobe a reforma da normativa básica, e aproveitaranse para a modificación galega as conclusións da Comisión de Análise Local, creada conxuntamente co Parlamento. Algunhas das premisas da nova regulación pasarán por favorecer as fórmulas flexibles de cooperación intermunicipal e reforzar a coordinación entre Xunta, deputacións e concellos.

FINANCIAMENTO EUROPEO

Por outra banda, Alfonso Rueda tamén fixo mención á recente aprobación por parte do Consello de Europa do novo marco financeiro para a Unión Europea, destacando que, froito do traballo realizado estes anos, Galicia ten garantida unha rede de seguridade que lle permitirá recibir arredor de 2.000 millóns de euros de fondos estruturais ata 2020, o 60 por cento do que percibiu no pasado período.

O vicepresidente destacou a importancia deste logro, que aínda se pode incrementar xa que a Comunidade terá aínda acceso a outras liñas de financiamento adicional, como a unha parte do chamado cheque español, a partida de desenvolvemento rural, os recursos para impulsar o emprego xuvenil e os fondos en cooperación territorial.

Ao respecto desta última partida, Rueda avogou por aproveitar a modélica traxectoria de cooperación entre Galicia e o norte de Portugal para acceder a eses fondos. Así, anunciou a elaboración dun Plan de Investimento Conxunto coa rexión norte para actuar coordinadamente na consecución de fondos en cooperación transfronteiriza.

Finalmente, o conselleiro tamén se referiu a outros ámbitos do seu departamento nos que xa tiña feito fincapé na recente comparecencia sobre os orzamento, como as emerxencias, a racionalización da Administración, a EGAP, a Agasp e a xustiza. Sobre esta última, recordou que está plenamente en marcha o Plan de Infraestruturas Xudiciais, dentro do cal completaranse nesta lexislatura os edificios xudiciais da Coruña, Ourense e Pontevedra, que xunto ao de Santiago –xa rematado e en funcionamento- sumarán un investimento total de máis de 60 millóns de euros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar