O Parlamento Europeo valora «os inxentes esforzos» da Xunta na mellora das Rías

   O presidente da comisión de peticións do Parlamento Europeo, Philippe Boulland, destacou «os inxentes esforzos» da Xunta de Galicia en materia de saneamento, motivo polo cal asegurou que «se percibe unha mellora» do estado das rías galegas.

Boulland fixo estas declaracións aos medios de comunicación acompañado polo conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández e a titular de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, despois de manter un encontro de en torno a dúas horas na capital galega.

A delegación de eurodeputados da comisión de peticións visitou este Vigo e hoxe desprazarase ao norte da comunidade para coñecer a situación das rías de Ferrol e O Burgo, en A Coruña. Esta visita responde ás denuncias por contaminación realizadas por diferentes colectivos.

DESENVOLEMENTO SOSTIBLE

Ao respecto, Philippe Boulland sinalou que os membros da comisión recolleron nesta primeira xornada «as preocupacións dos cidadáns», derivadas do nivel de calidade das augas, o seu efecto sobre a pesca e o marisqueo e tamén por «problemas de olores». Todo isto, constatou, é consecuencia dun «desenvolvemento económico lexítimo pero que se ten que equilibrar cun desenvolvemento sostible».

Así as cousas, o europarlamentario francés agradeceu aos dirixentes autonómicos o encontro e que achegasen «tódalas respostas» ás cuestións que suscitaron as demandas dos peticionarios.

«AS COUSAS, BEN ENCAMIÑADAS»

«Captamos, por todas as respostas, os inxentes esforzos realizados pola Xunta», destacou Boulland. Non obstante, a liña seguida, apuntou que, «a pesar destes esforzos, é certo que o Reino de España foi obxecto de varios procedementos de infracción por parte da Comisión Europea».

«Pero eu creo que, despois do escoitado, podemos afirmar que as cousas están ben encamiñadas e que se percibe unha mellora en termos de todos estes aspectos que afectan os cidadáns. Por iso quedamos máis tranquilos», subliñou.

O presidente da comisión de peticións recordou que este organismo elaborará un informe que será «definitivo» en torno ao mes de maio, pero recordou que «antes» volverá recibir as achegas dos peticionarios e das autoridades.

AVANCES DA XUNTA

O dirixente galego en materia de medio, pola súa banda, explicou aos xornalistas que, durante a entrevista deste martes, a Xunta trasladou «os avances nos últimos anos» en saneamento e depuración, «especialmente centrados» nas rías de Vigo, Ferrol e O Burgo.

Tamén comunicaron os responsables do Goberno galego «as necesidades» futuras, así como «os plans e as programacións» dirixidas ao cumprimento das directivas comunitarias.

A maiores, comprometéronse a remitir «aquela documentación necesaria e cun contido máis técnico que permita que esta comisión poida facer o seu traballo e presentar o ditame correspondente o mes de maio».

«O que trasladamos é o traballo feito, o que estamos a facer nestes momentos, os esforzos que está a facer a Xunta. Tamén os problemas que temos en relación con algunhas cuestións, as melloras que detectamos nas zonas de marisqueo e tamén os problemas que estamos a detectar e as ferramentas que estamos a articular para resolvelos,» resumiu Agustín Hernández preguntado pola posibilidade de que Europa impoña novas sancións a Galicia.

DESCARTA NOVAS MULTAS

Xa na mañá do martes, antes da cita coa delegación de eurodeputados, a conselleira de Medio Rural e do Mar mostrouse «moi tranquila» en relación coa inspección das rías e Hernández, pola súa banda, descartou que se vaian producir novas sancións. «Pensamos todo o contrario», dixo preguntado por se teme novas multas.

A delegación da comisión está formada polo francés Philippe Boulland, a austriaca do Grupo ALDE Angelika Werthmann e a letoa do Grupo Verdes/EFA Tatjana Zdanoka. Acompañábanlles ademais os eurodeputados españois Francisco Millán Mon (PPE), Carlos Iturgaiz (PPE), Antolín Sánchez Presedo (S&D), Ana Miranda (Verdes/EFA) e Willy Meyer (GUE/NGL).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar