Feijóo confirma avances inmediatos na construcción dos dous floteis

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe, durante o acto de entrega do buque offshore ‘Deep Orient’, na factoría de Metalship&Docks S.A., novos avances nesta semana para iniciar a construción de dous floteis na Ría de Vigo e na Ría de Ferrol. “Proba –dixo- de que a alianza con Pemex non soamente non ten marcha atrás, senón que está no camiño de seguir fortalecéndose no futuro con novas posibilidades de colaboración. Refírome a máis de 20 embarcacións para substituír a flota menor de Pemex que se construirán entre estaleiros galegos e estaleiros mexicanos”, subliñou o presidente galego.

Feijóo aproveitou este acto para renovar o compromiso do Goberno galego co sector naval. “Témolo feito –subliñou- neste estaleiro do Grupo Rodman, ao que a Xunta ten apoiado de forma directa en varias ocasións; e témolo feito hai escasos días autorizando o novo Fondo de Garantías de Pymar, que permitirá seguir apoiando financeiramente as distintas operacións dos estaleiros galegos; como xa fixemos a pasada lexislatura en forma de avais e préstamos por case 100 millóns de euros”.

Así mesmo, lembrou as xestións levadas a cabo para erradicar os obstáculos do sector, como o problema do tax lease que se ten solucionado no ámbito europeo; ou para xerar novas oportunidades como o selo naval que permite contar cunha marca de garantía de calidade dos barcos que saian dos estaleiros de Galicia.

Feijóo asegurou que a Xunta manterá o temón sen variar o rumbo a prol dos seus sectores produtivos, a prol dos traballadores, a prol do sector naval. E, amosouse convencido de que “se seguimos traballando unidos” poderase lograr o obxectivo “que todos compartimos”: recuperar a máxima carga de traballo, para volver a xerar riqueza e emprego en Vigo e en Galicia.

Ademais da alianza entre o sector e a Administración, o presidente do Goberno galego referiuse, tamén, á alianza do sector naval galego co traballo ben feito. E, neste sentido, destacou que o novo buque que hoxe se entrega é unha proba de que Vigo, é capaz de acreditar a súa competencia, a súa capacidade e a súa dilixencia. “En cada estaleiro coma o que hoxe nos acolle, combínase unha tradición que se remonta séculos atrás cunha innovación que se adianta ao futuro. O resultado é a gran preparación das mulleres e dos homes dos estaleiros e da industria auxiliar, a nosa avanzada tecnoloxía, e o noso coñecemento da industria naval, capaz de competir no eido mundial”, sentenciou.

Feijóo concluíu a súa intervención incidindo en que coa entrega do ‘Deep Orient’, Vigo e Galicia corroboran o seu prestixio como sede de estaleiros que son capaces de competir no mundo. “Ten sido a pericia, a seriedade, o esforzo e os coñecementos de técnicos e de operarios os artífices deste buque”, afirmou, logo de expresar a certeza de que serán esas mesmas virtudes as que nos permitan superar a situación actual e que os estaleiros públicos e privados de Galicia poidan volver a dar todo de si.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar