O BNG considera «negativo» o resultado do Consello Europeo

O BNG considerou «negativo» o resultado do Consello Europeo celebrado o venres no que se determinaron os fondos europeos para o próximo período e tachou de «fracaso» as negociacións da Xunta ao asegurar que «lle custan a Galicia 3.500 millóns de euros».

Nun comunicado, a eurodeputada Ana Miranda indicou que Galicia «perde 3.500 millóns de euros só en conceptos de Fondo de Cohesión», nun momento «no que o país necesita máis recursos debido á crise sen precedentes que afecta o conxunto dos cidadáns».

Neste sentido, Ana Miranda sinalou que no actual período 2003-2007 Galicia «recibiu 5.700 millóns de euros» en fondos europeos» e que co aprobado o venres «esta cifra quedaría reducida» a 2.000 millóns de euros» polo que «non é o triunfo que nos intenta vender o PP».

Pola súa banda, o voceiro de BNG no Parlamento de Galicia, Francisco Jorquera, considerou «rocambolesco» que «a Xunta cualifique este resultado» como positivo». «É outra proba da inoperancia e irresponsabilidade política do Goberno presidido por Núñez Feijóo», apuntou Jorquera antes de recordar que «este é un tema vital para Galicia que terá transcendencia» durante os próximos sete anos».

Neste sentido, a eurodeputada nacionalista asegurou que «o BNG non dará a batalla por perdida» e «seguirá loitando para que na distribución final dos fondos europeos, os baremos e indicadores de repartición teñan en conta a situación actual de PIB e non datos de 2007-2009». «É un sen sentido que se tomen datos deses dous anos de referencia para aplicalos en 2014-2020», apostilou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar