Novo edificio xudicial en Santiago

 

O vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, acompañado do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, e do Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, visitaron hoxe o novo edificio xudicial de Santiago, que solventará as necesidades de espazo xudicial da cidade.

Rueda destacou que o novo edificio xudicial conta cun importante investimento, de case 3,5 millóns de euros e que, situado nas inmediacións dos xulgados xa existentes, permitirá incrementar en máis de 2.300 metros cadrados as actuais dotacións e albergar ata seis xulgados, tres salas de vistas, oficinas para Fiscalía e despachos de avogados e procuradores.

 

 

O novo edificio contará con cinco plantas, planta soto, planta baixa e tres pisos superiores. Na planta soto estarán ubicados o arquivo, as instalacións e os despachos de avogados e procuradores, na planta baixa haberá tres salas de vistas e as oficinas para a fiscalía, e nas plantas superiores irán ubicados os dous xulgados do contencioso-administratvo e os tres do Social, que xa están instalados. Ademais, a estrutura do edificio foi deseñada para que no futuro poidan ser edificadas dúas plantas mais, que poderían albergar outros catro órganos xudiciais.

Segundo explicou o vicepresidente, os tres xulgados do Social xa están instalados no novo edificio e neste mes instalaranse os outros dous xulgados do Contencioso- Administrativo. O vicepresidente agradeceulle a colaboración do concello de Santiago, e lembrou que o Plan de Infraestruturas Xudiciais é froito do esforzo e da cooperación entre Administracións, xa que son os concellos os que ceden os terreos á Xunta para que esta leve a cabo a construción dos edificios, tal e como está a suceder nas cidades de Coruña, Pontevedra ou Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar