Os Xenerais da Ulla encabezarán a cabalo un desfile do Antroido compostelán

 

O concelleiro de Festas compostelán, Francisco Noya, presentou a programación do Antroido 2013. Nesta edición, as novidades principais son a implicación dos Xenerais da Ulla no desfile do martes e a participación activa dos centros socioculturais. Baixa o orzamento, pero non os premios nin as actividades dun Antroido que quere implicar máis que nunca os veciños e veciñas de Compostela.

Francisco Noya presentou a programación do Antroido acompañado de José Manuel Méndez, quen un ano máis deseñou o Meco. O boneco é en si mesmo un repaso ao ano 2012, cunha alusión destacada á prima de risco. O Meco, na súa vixésimo oitava encarnación, subirá aos balcóns do Pazo de Bendaña, na praza do Toural, o sábado 9, ao rematar un desfile que partirá da praza de Cervantes ás 20:00 horas, coa animación das comparsas Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño.

Na rolda de prensa houbo agradecementos para o creador do Meco e para todos os que participan neste Antroido, dende comparsas e charangas aos provedores, pasando polos propios veciños e veciñas de Compostela. Grazas á súa colaboración, indicou o concelleiro, é posible festexar estas datas coa mesma calidade na programación malia a redución do orzamento, de acordo ao actual contexto económico. «O Antroido de Compostela vale moito máis deses 56.000 euros que temos de orzamento», dixo, lembrando que en 2012 o gasto fora de 74.000 euros e, en 2011, de 103.000 euros. En 2007, o orzamento chegara mesmo aos 132.000 euros.

Desfile
Volvendo á programación e ao desfile do martes 12, destacou que este ano encabezarán o mesmo 22 xenerais e correos do Ulla. Posto que irán a cabalo, o edil pediu aos asistentes ao desfile que non solten petardos nin asusten aos animais. A propósito deste Antroido dos Xenerais da Ulla, que se celebra nas parroquias de Aríns, Marrozos e O Eixo, Francisco Noya lembrou as actividades de Entroido que organizan os propios centros socioculturais e asociacións veciñais nos diferentes barrios.

Neste desfile tamén teñen unha participación activa e masiva este ano os centros socioculturais, que estarán presentes con tres comparsas e máis de 400 persoas. Unha delas, a dos Superheroes, formada por xente de varios centros, contará cuns 300 nenos. A esta súmanse as comparsas denominadas Seres Mitolóxicos (Conxo) e Legoantroido (Castiñeiriño). Ademais, a Comitiva de Viúvas e Viúvos acompañará o Meco o mércores 13, saíndo de centros coma os de Conxo, O Ensanche ou Santa Marta.

O día do desfile, o martes 12, a animación estará nas rúas xa dende as 13:00 horas. As carrozas, comparsas e charangas concentraranse ás 16:30 horas na estación de ferrocarril, para iniciar o desfile ás 17:30 horas. Pasará por Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I. Parte deste desfile, aproximadamente entre as 19:00 e as 20:15 horas, será retransmitido pola Televisión de Galicia, segundo anunciou Francisco Noya.

Rematado o desfile, a Orquestra Compostela amenizará a tarde, á espera da decisión do xurado, dende as 19:30 horas, para continuar. Haberá varias categorías de participación: carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual. Os elixidos como gañadores polo xurado repartiranse 12.200 euros en premios. Nas categorías de carrozas e comparsas, os primeiros clasificados levarán 2.000 euros, polos 400 que levará o mellor grupo, os 300 da mellor parella o os 200 do mellor disfrace individual. Ademais, haberá premios especiais para as mellores comparsas procedentes das parroquias e barrios do municipio. Os galardóns entregaranse ás 21:00 horas e logo seguirá a sesión musical.

Queima do Meco, festival infantil e filloas
O día seguinte, mércores 13, o Antroido concluirá coa tradicional queima do Meco ás 21:00 horas na praza Roxa. O boneco será acompañado cara o seu triste destino durante un percorrido que, partindo do Toural, pasará por: rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro, República do Salvador e praza Roxa. O acompañamento musical correrá a cargo da Banda Municipal e a animación poraa a comparsa A Ruliña de Laraño.

Francisco Noya lembrou tamén a xornada especialmente dedicada aos máis pequenos, o domingo 10. Así, a partir das 17:00 horas, celebrarase o Festival Infantil de Disfraces na Sala Capitol. Poderán participar nenos e nenas ata 14 anos. Logo, ás 18:00 horas, animación, baile, premios, concursos, sorteo de agasallos, entrega de bolsas-cotillón…

Recordou finalmente que seguen a celebrarse as actividades de Antroido nos diferentes centros socioculturais e que está aberto o blog de receitas. Ademais, o concelleiro anunciou que do 9 ao 11 de febreiro estará instalada na Alameda a tradicional máquina de filloas de Lestedo.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar