Inmediata posta en marcha de actuacións estratéxicas para impulsar a innovación

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe na primeira reunión do Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación presidida por el a inmediata posta en marcha de catro actuacións estratéxicas para impulsar a innovación galega, e que suporán un investimento de 8 millóns de euros no marco da Estratexia Estatal de Innovación.

O conselleiro, que pediu a implicación de todos os axentes do Sistema Galego de Innovación no deseño dunha estratexia “efectiva, orientada a resultados e adaptada ás necesidades económicas e sociais”, salientou que, ademais da activación de contratos-programa para os centros de coñecemento galegos, e que por primeira vez se realizarán cos centros tecnolóxicos, se activará un pioneiro sistema de Bonos Tecnolóxicos para as entidades que consigan máis financiamento externo. Tamén se impulsarán Aceleradores de Empresas para fomentar o emprendemento en sectores estratéxicos, ademais de apoiar a consolidación da Rede Xiga, permitindo incorporar xestores de innovación ás PEMES galegas.

No tocante aos contratos-programa para centros tecnolóxicos e outros centros de coñecemento non universitarios, estarán suxeitos ao cumprimento dun conxunto de compromisos e indicadores por parte dos beneficiarios. En especial, os centros deberán acreditar a intensificación da súa actividade de transferencia de resultados, é dicir, de proxectos en colaboración coa empresa, prioritariamente con PEMEs.

Tamén se poñerá un sistema de Bonos Tecnolóxicos dirixidos a axentes intermedios (centros tecnolóxicos, clústers e asociacións empresariais) capaces de captar fondos para innovación procedentes das administracións central e europea. Estes incentivos estarán condicionados pola obtención efectiva de resultados, o que quere dicir que a remuneración dependerá dos éxitos conseguidos en termos de financiamento captado. A intención última desta iniciativa é propiciar o máximo aproveitamento posible dos fondos externos por parte dos axentes galegos, mantendo así nun alto nivel a aposta polo apoio público á innovación pero cun impacto menor nos orzamentos propios da Xunta.

Por outra parte, activaranse un paquete de medidas para acelerar a creación e consolidación de novas empresas en sectores emerxentes, como é o caso da biotecnoloxía ou as Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC).

O obxectivo destes Aceleradores de Empresas, que se poñen en marcha por primeira vez en Galicia, será, por un lado, prestar soporte á valorización dos resultados de investigación dos centros de coñecemento a través da posta en marcha de empresas específicas (spin-off) e, por outro, apoiar o nacemento de start-ups, é dicir, empresas de rápido crecemento con alto perfil innovador.

Ademais, este ano consolidarase o Programa Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA), iniciado como experiencia piloto en 2010 e que se traducirá na formación e incorporación de arredor de 60 xestores da innovación en PEMEs galegas. As accións previstas inclúen unha completa formación para capacitalos nesta especialidade, a súa incorporación a empresas galegas e fórmulas de traballo en rede entre os beneficiarios do programa.

Estratexia de especialización intelixente
Os membros do Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación, formado por representantes da Xunta e das tres universidades, traballaron tamén na estratexia de especialización intelixente requerida pola Unión Europea a todas as rexións que optan a continuar recibindo fondos estruturais (FEDER) a partir de 2014.

O conselleiro de Economía e Industria solicitou a colaboración de todos os axentes do Sistema Galego de Innovación para cumprir este requisito, que consiste en presentar un plan no que se identifiquen claramente os sectores e os ámbitos de especialización con maior potencial innovador e de crecemento de Galicia.

Conde expuxo que as universidades e o resto dos centros tecnolóxicos e de investigación deben implicarse neste proceso polo seu papel protagonista na xeración do coñecemento, que se traducirá en competitividade para Galicia grazas á súa posta en valor no mercado. Ligado a isto, anunciou que as empresas terán tamén o seu ámbito de participación na elaboración da estratexia de especialización intelixente, xa que delas depende que o potencial do coñecemento xerado en Galicia se convirta en crecemento económico.

Segundo explicou, este proceso non só debe concibirse como un requisito para seguir recibindo fondos europeos, senón como unha oportunidade para que Galicia optimice as súas políticas públicas e privadas de innovación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar