Sanidade reduciu máis de 200 millóns na factura farmacéutica

 

   Galicia reduciu a súa factura farmacéutica en máis de 200 millóns de euros nos dous últimos anos, segundo destaca a Consellería de Sanidade, que atribúe esta rebaixa ás iniciativas postas en marcha para conter o gasto en farmacia e fomentar o bo uso do medicamento, entre as que inclúe o catálogo priorizado en 2011.

Neste ámbito, Sanidade indica que a aplicación das medidas recollidas no Real decreto Lei 16/2012 no segundo semestre do ano pasado permitiu unha redución da factura farmacéutica de 118 millóns de euros, mentres que tamén a aplicación do catálogo posibilitou reducir a factura en máis de 100 millóns durante o ano pasado.

Así mesmo, o departamento autonómico sanitario resalta que, por segundo ano consecutivo, o gasto farmacéutico hospitalario en Galicia se estabiliza, presentando un incremento de tan só o 0,76 por cento respecto ao exercicio 2011, o que supón un aumento de 2,3 millóns de euros. O gasto farmacéutico hospitalario total do ano 2012 foi de 308 millóns de euros.

O gasto farmacéutico segue supoñendo o 30 por cento do presuposto do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que, segundo incide a Xunta, «continúa traballando en mellorar a eficiencia do gasto».

Sobre a evolución de xenéricos, a Administración galega indica que Galicia pasou de ser das últimas comunidades en canto á porcentaxe de prescrición de xenéricos en 2009 –con menos do 11% dos medicamentos prescritos– a ocupar unha posición intermedia no momento actual, cunha taxa de prescrición superior ao 36 por cento.

AGRADECEMENTO

Sanidade agradece expresamente aos profesionais e ás sociedades científicas o seu traballo conxunto coa Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica, que colaboraron na mellora da eficiencia no emprego dos recursos farmacoterapéuticos para lograr esta redución de gasto.

«Con este esforzo, a Administración sanitaria mantén unha tendencia á mellora neste ámbito, grazas tamén ao fomento das boas prácticas de prescrición e xestión e ás accións postas en marcha para potenciar o bo uso do medicamento», expón Sanidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar