O conselleiro Conde defende a internacionalización para voltar ao crecemento

 O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, avogou hoxe por impulsar a internacionalización como “unha das claves para volver á senda do crecemento”. Neste sentido, Conde subliñou o compromiso do Goberno galego, que no presente ano dedica un 10% máis de recursos á internacionalización ata chegar aos 20 millóns de euros.

Este orzamento, explicou Conde, ten permitido mellorar os resultados na materia. Así, o ano 2012 rexistra, a data de novembro, máis de 5.700 empresas galegas exportadoras, o que supón un incremento do 11% respecto ás cifras de 2011. “Acadamos así o obxectivo marcado de conseguir 700 novas empresas exportadoras desde a posta en marcha da Rede Pexga”, incidiu Conde.

Neste contexto, o conselleiro de Economía e Industria, que participou na inauguración do Foro Internacionalización da Economía Galega do Grupo Correo Gallego, subliñou que a Xunta traballa nunha estratexia integral que cubre o ciclo completo no proceso de internacionalización, facilitando a toma de decisións sobre os mercados aos que saír e como acceder a eles, propoñendo a contratación de xestores de exportación, e acompañando ao empresario na súa primeira experiencia exportadora.

Así mesmo, proseguiu Conde, “pomos a disposición do empresario a estrutura necesaria para a súa implantación, tanto en orixe como en destino, por medio da Rede Pexga; contribuímos ao financiamento das súas operacións de exportación; e apoiamos as estratexias innovadoras por medio de programas concretos de apoio á innovación”.

O titular de Economía e Industria destacou que o desenvolvemento desta estratexia global ten permitido, nos últimos anos, a realización de máis de 400 diagnósticos de potencial exportador, a contratación de 140 xestores de internacionalización, e a implantación no exterior de máis de 300 empresas a través de proxectos individuais e colectivos.

“Sabemos que a empresa galega ten moito que dicir noutros mercados”, explicou Conde, quen avogou, tamén, por tratar de paliar as debilidades á hora de trazar as estratexias. Entre estes puntos débiles destacou a impaciencia por conseguir resultados inmediatos, e a forte concentración que presenta Galicia en sectores, produtos e países receptores das exportacións galegas.

Neste sentido, o conselleiro lembrou “a intensa labor de diplomacia comercial” que está a desenvolver a Xunta co obxectivo de xerar confianza fora das nosas fronteiras e abrir novos mercados. “Xa se reflicten resultados, como a alianza estratéxica con Pemex para a construción naval, ou o inicio de contactos con outros países emerxentes como Brasil”, resaltou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar