O Entroido lembra a esencia máis ‘choqueira’ da festa coruñesa

 

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada das comparsas Batuki en Monte Alto, Kilomberos de Monte Alto, Monte Alto a Cen, Os Maracos e Pantaleón, presentou, o programa de actividades para o Entroido 2013, que comezarán esta fin de semana e finalizarán co enterro da sardiña e a queima do Momo o mércores 13 de febreiro.

Durante 8 días, o Concello realizará actividades que pretenden chegar a todo tipo de público e conseguir un ambiente festivo. Haberá fogos artificiais, eventos gastronómicos, populares, e musicais, ademais da gran cabalgata. «Serán 8 días de festa no que reviviremos o Entroido máis choqueiro e recuperaremos a esencia e autenticidade dun dos festexos máis emblemáticos do calendario coruñés», destacou Ana Fernández.

Tal e como explicou a concelleira, a actividade comeza esta mesma fin de semana, por unha banda co XIII Concurso da Orella, que se realizará este venres 1 de febreiro, en El Corte Inglés, e co tradicional Concurso de Comparsas na modalidade de letra e música que se realizará, o sábado 2 de febreiro, ás 19.00 horas no Ágora, e no que hai un total de 8 comparsas inscritas.

O groso da actividade comezará a partir do venres 8 de febreiro. Este día, o Obelisco acollerá a partir das 21.00 horas a Entronización do Deus Momo. A partir das 23.00 horas, a rúa Arenal celebra o Velorio da Sardiña que levará a cabo todos os días ata o 12 de febreiro na rúa Arenal, de 23.00 a 01.30 horas.

A tarde do sábado 9 de febreiro estará protagonizada pola Gran Cabalgata de Entroido que sairá ás 17.30 horas da avenida Alférez Provisional rumbo cara a María Pita, pasando antes por Sánchez Bregua e a avenida da Mariña. Como é tradicional, levaranse a cabo os concursos de carrozas e de comparsas na modalidade de vestiario. A concelleira Ana Fernández informou de que aínda está aberto o prazo de inscrición ata o sábado 2 de febreiro. A noite do sábado finalizará na praza de María Pita coa actuación da Orquestra Costa Oeste ás 21.00 horas e, ás 22.30 horas, terá lugar unha gran sesión de fogos artificiais.

Seguindo a liña iniciada en todas as festas que programou esta concellería dende a súa chegada a María Pita, os entroidos coruñeses contarán, con programación especialmente dedicada e deseñada para os máis pequenos da casa. Desta forma, o domingo de Entroido e o luns 11 de febreiro, de 12.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas, serán o día dos nenos e nenas da cidade, grazas á instalación dunha Carpa de Entroido Infantil nos xardíns de Méndez Núñez que ofrecerá talleres relacionados co Entroido: pintura de máscaras, confección de disfraces… O luns pola tarde, a partir das 17.30 horas, realizarase o gran baile de disfraces. «Como é habitual nas festas que programamos non nos esquecemos dos máis pequenos. Por outra banda, ao instalar a carpa o luns, pretendemos axudar á conciliación da vida laboral das familias», afirmou Ana Fernández, quen lembrou que este día o Palacio da Ópera acollerá a XXVIII edición do Concurso da Filloa.

O martes de Entroido, día por excelencia desta celebración na cidade, realizarase, no Campo da Leña, fronte ao cuartel de Atocha, unha gran filloada popular, na que se repartirán unhas 15.000 filloas de forma gratuíta entre as 12.00 e as 22.00 horas. A actividade concentrarase na contorna da praza de España e a rúa da Torre. De 11.00 a 14.00 horas, a praza de España albergará a festa infantil con inchables, personaxes infantís e talleres. Ás 12.00 horas, realizaranse as tradicionais ofrendas florais a Nito, Canzobre, César Sanjosé e Palau. Ás 17.30 horas, realizarase o concurso infantil de disfraces e choqueiros en categoría individual e grupo na praza de España; e, ás 20.00 horas, a festa trasládase á rúa da Torre coa festa choqueira memorial Sanjosé na que tamén se establecen as categorías de grupo e individual. A celebración estará amenizada pola Banda do Camión, con concertos na rúa da Torre ás 20.00 e ás 21.00 horas.

O Entroido finaliza o mércores 13 de febreiro coa saída da comitiva fúnebre ás 20.30 horas da praza de España e a chegada, sobre as 21.30 horas, á praia de San Amaro, onde se levará a cabo o enterro da Sardiña e a Queima do Momo.

Ana Fernández avanzou que tanto o cartel deste ano coma os folletos coa programación de festas, dos que se editarán 2.000 unidades, estarán dispoñibles a partir do xoves desta semana en bibliotecas, centros cívicos, Fórum Metropolitano, Centro Sociocultural Ágora e Oficina de Turismo. A concelleira de Cultura animou a todos os coruñeses a sumarse á festa e a manter o espírito do Entroido coruñés. Simultaneamente á programación do Entroido e con motivo da festividade de San Valentín, os días 11, 13 e 14 de febreiro, realizarase o concurso de bicos, nos barrios de Elviña, Os Mallos e a rúa Barcelona. Esta iniciativa pretende dinamizar o consumo no pequeno comercio e regalaranse vales de compra, e ceas románticas e laconadas.

Programa de actividades do Entroido 2013

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar