Entra en servizo a autovía Ourense-Celanova dentro da polítíca de achegar aos galegos á alta capacidade

Acto de apertura da nova autovía

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, hoxe, durante a posta en servizo da Autovía Ourense-Celanova, que nesta lexislatura completarase o obxectivo de que o 80% dos galegos estean a menos de 10 minutos dunha vía de alta capacidade.

Neste sentido, Feijóo precisou que a Autovía Ourense-Celanova, que beneficia de forma directa ás case 200.000 persoas que viven nas comarcas desta zona, incrementa ata 120 os quilómetros de vías de alta capacidade postas en servizo desde abril de 2009 en toda Galicia. “Isto supón un gran fito, xa que nunha lexislatura marcada pola crise económica puxemos a funcionar 120 quilómetros de vías de alta capacidade. Pero supón, tamén, -engadiu- outro compromiso que é que nesta lexislatura que comeza a finais do ano 12 e que finalizará no ano 16, poñamos a funcionar en Galicia outros 110 quilómetros de vías de alta capacidade”.

O titular da Xunta subliñou que a posta en servizo desta autovía vai supoñer un revulsivo e unha oportunidade para a zona. “Cun investimento de máis de 120 millóns de euros, poñemos a disposición dos galegos unha autovía de 20 quilómetros a disposición do benestar, do progreso e do futuro do nosos país”, afirmou, logo de salientar que esta obrar supón, amais, maior seguridade, ao evitar o paso por máis de 10 quilómetros de travesías e permite aforrar de media un 40% de tempo entre Ourense e as Terras de Celanova, ao pasar dos 25 minutos actuais a 15 minutos a partir de agora.

O responsable autonómico garantiu o compromiso da Xunta de seguir cohesionando o territorio; “de vertebrar, de unir a Galicia nun concepto global e facer esa Galicia única”. E, neste senso, afirmou que Lugo e Ourense seguen a ser actuacións prioritarias: “A primeira provincia en investimento por habitante, neste presuposto do ano 2013, sigue sendo Ourense e Lugo, a segunda. Estamos a falar dun investimento dun 50% máis por habitante do que se inviste nas provincias atlánticas”.

Nesa liña, destacou que o Plan Impulsa Ourense ve incrementado este ano o seu orzamento un 13%, ata os 80 millóns de euros; e avanzou que o Goberno galego seguirá investindo, tamén, nas infraestruturas tecnolóxicas, como é o Plan de Banda Larga.

Así mesmo, afirmou que o Goberno galego seguirá traballando para que Ourense sexa a provincia de maior investimento por habitante en España. “Estou convencido de que o conseguiremos ao longo desta lexislatura do Goberno de España, porque o tren de alta velocidade, clave fundamental para meter a Ourense en dúas horas co resto da Meseta e para incluír a Galicia dentro dese proxecto de 2 horas e 30 minutos con Madrid, suporá algo que non ten volta atrás”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar