Rey Varela anuncia melloras no Auditorio Municipal de Ferrol


O goberno municipal de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, aprobou o pasado luns, día 21 de xaneiro, a adxudicación do contrato correspondente á redacción do proxecto de obra do equipamento de son, iluminación, proxección e caixa escénica no Auditorio Municipal. Así, a Xunta de Goberno Local, acordou que sexa a empresa “Chemtrol División Teatro S.A” a que se ocupe de completar o material técnico que precisa a infraestrutura cultural situado no barrio de Caranza para a súa apertura.

“Chemtrol División Teatro S.A” resultou a firma que recibiu maior puntuación por parte dos técnicos municipais que forman parte da Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol, nun proceso de licitación no que participaron outras catro empresas. O importe da adxudicación ascende a 839.589,56 euros (21%de IVE incluido, e o prazo de execución do contrato é de tres meses, a partir da firma do mesmo. Hai que lembrar que o custe do equipamento escénico do Auditorio Municipal correrá a cargo das Administracións autonómica e provincial. Así, as xestións realizadas polo primeiro edil da cidade que tiveron como resultado dous convenios. Un deles coa Xunta de Galicia, cunha achega de 575.000 euros repartidos entre 400.000 euros que financia a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; e 175.000 euros procedentes da Conselllería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -un 70% desta subvención procede do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional-. E o segundo acordo acadado por Rey Varela foi coa Deputación Provincial da Coruña, por un montante total de 309.981 euros.

A adxudicación deste contrato para completar o equipamento e material técnico do Auditorio Municipal “é un último paso para por a disposición de toda a cidadanía este novo equipamento cultural”, destacou o alcalde de Ferrol. Unha infraestrutura que, o actual executivo municipal herdou coas obras paralizadas e sen partida económica para dotalo de caixa escénica, compoñentes de son e iluminación e demais contido de carácter técnico que precisa un Auditorio. Nesta liña, Rey Varela afirmou que a decisión adoptada esta mañá en Xunta de Goberno “permitirá poñer o mellor equipamento que exista en España, posto que a obra do Auditorio o merece”, ao tempo que recordou que as obras deste novo equipamento cultural supuxeron un investimento de ao redor de 14 millóns de euros.

EQUIPAMENTO ÚNICO

Así mesmo, o rexedor ferrolán destacou que o Auditorio Municipal de Ferrol será “o único auditorio da zona norte de España que conte cos medios técnicos e o equipamento máis punteiros do momento”. Por último, Rey Varela sinalou que co novo contrato de xestión dos centros culturais de titularidade municipal da cidade, que inclúe o Auditorio, “non haberá deficiencias nin en canto a persoal nin técnicas”; engadindo que “as cousas teñen unha orde e unha planificación e así se está a actuar dende o Concello neste tema do Auditorio e noutros”. Ao fío disto, o alcalde explicou que tras o remate das obras, o contrato da nova xestión dos espazos culturais e, agora, coa adxudicación do equipamento técnico, o goberno municipal “está a cumprir coa planificación necesaria para poder poñer en servizo o Auditorio ao cento por cento. As cousas requiren moito máis que unha inauguración, e para iso hai que facer un traballo previo de moitos meses”, concluíu Rey Varela.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar