Os Xenerais do UIla demandan a declaración de Festa de Interese Turístico

O presiente da Deputación da Coruña. Diego Calvo, expresou o seu apoio á solicitude de declración dos Xenerais do Ulla como un entroido que se considere oficialmente Festa de Interese Turístico de Galicia.

Ao acto asistiron o alcalde de Vedra, Carlos Martínez; e Anxo Rei e Adela Redondo, concelleiros de Teo e Boqueixón, así como os edil compostelán Francisco Noya. respectivamente. Todos eles coincidiron en apuntar que calquera dos concellos participantes nesta iniciativa de promoción é un bo destino para gozar do Entroido da Ulla e quixeron invitar a todos os coruñeses e galegos a asistir á súa próxima edición.

Sobre a campaña para lograr que o Entroido dos Xenerais sexa declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, Diego Calvo indicou que «motivos non lles faltan, xa que estamos ante unha das mostras máis claras e máis tradicionais do Entroido galego», unha celebración que se transmite de xeración a xeración e que «mantén todos os ingredientes que tiña no seu nacemento, a mediados do século XIX».

ATRANQUE NO OBRADOIRO

Sobre a festa desta ano 2013, cómpre lembrar que os Xenerais da Ulla chegarán dacabalo á praza do Obradoiro para escenificar un típico «atranque» ou «alto». Será mañá sábado  ás 12:00 horas. Trátase dunha presentación pública do Entroido tradicional da Ulla, que ten lugar nas inmediacións da cidade de Santiago dende a primeira metade do século XIX: os Xenerais van dacabalo, disfrazados con vistosas vestimentas militares similares ás desa época, que inclúen adornos puramente carnavalescos, que locen tamén os cabalos.

Os atavíos, tanto dos Xenerais como dos seus cabalos, chaman a atención pola súa tradición, orixinalidade, colorido e grao de elaboración, o que fai que teñan un gran valor. Unha vez no Obradoiro, os Xenerais da Ulla representarán un típico «alto» ou «atranque»: un debate dialéctico por parellas para tratar temas de actualidade no ton de mofa característico das coplas do Entroido.

Nesta presentación no Obradoiro, participarán oito Xenerais da Ulla das parroquias compostelás de Aríns, Marrozos e O Eixo. Esta presentación pública na principal praza de Santiago de Compostela pretende ser un só un aperitivo dos actos que terán lugar dende finais de xaneiro e ata mediados de febreiro nos oito concellos onde se celebra esta festividade tradicional e única no seu xénero, e que por segunda vez colaboran na súa promoción conxunta: Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

O Entroido da Ulla remonta as súa orixes a primeira metade do s. XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese século: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Así, os seus principais protagonistas son vistosas figuras que recrean estes momentos históricos. Xenerais e correos engalanados conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do Entroido tradicional galego.

A esta presentación na Deputación da Coruña acudiron tamén dous xenerais e dous correos, que realizaron unha mostra dos enfrontamentos dialécticos típicos desta celebración e amosaron catro traxes típicos, caracterizados por sombreiros moi traballados e traxes moi elaborados e traballados.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar