Baltar, alcaldes e parlamentarios piden a Fomento o impulso á autovía Ourense-Ponferrada

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo unha reunión no Pazo Provincial con parlamentarios e alcaldes para analizar a situación do proxecto da autovía A-76 e solicitar do Ministerio de Medio Ambiente que acelere os traballos de redacción da declaración de Impacto Ambiental do proxecto para posibilitar a aprobación definitiva do estudio informativo da autovía. Tamén acordaron solicitar do Ministerio de Fomento, unha vez cumplimentado ese trámite, que acorde a licitación da redacción dalgúns dos proxectos dos tramos da autovía, priorizando aqueles que resulten máis necesarios.

Na reunión participaron xunto a Manuel Baltar o deputado no Congreso Celso Delgado; a senadora Carmen Leyte; os parlamentarios autonómicos Julia Álvarez e Moisés Blanco; o alcalde de A Rúa e deputado provincial, Avelino García Ferradal, e o tamén deputado provincial Plácido Álvarez Dobaño. O alcalde de Ponferrada, Carlos López, aínda que non estivo presente na reunión comunicou a súa adhesión aos acordos da xuntanza a prol da A-76.

Todos concordaron en que a autovía Ourense-Ponferrada A-76 é unha actuación de gran transcendencia para a vertebración da Galicia interior, constituíndo un terceiro acceso de gran capacidade desde Galicia cara Castela-León (ademais da A-6 e da A-52) e que a N-120 (Logroño-Vigo) está superada, especialmente en determinados tramos.

Comparten as demandas das organizacións empresariais e dos concellos que reclaman esta autovía e recoñecen e valoran o compromiso da ministra de Fomento, Ana Pastor, coa A-76, como o acredita o feito de que esta autovía teña sido incluída no Plan de Infraestruturas, Transporte e Vivenda.

Dadas as actuais dificultades económicas, que conlevan fortes reducións orzamentarias e obrigan a reprogramar actuacións en materia de infraestruturas, os representantes políticos e institucionais acordaron solicitar que a redacción dos proxectos dos tramos que se realicen –unha vez acadada a declaración de impacto ambiental- se faga tendo en conta a eficiencia necesaria da infraestrutura e os antecedentes e incidencias na explotación da actual vía de comunicación entre O Bierzo, Valdeorras-Terras de lemos e Ourense, que é a N-120.

Asemade, recoñecen o esforzo e a celeridade cos que o Ministerio de Fomento resolveu os problemas plantexados na N-120 no túnel da Barosa, que permaneceu pechado para realizar unhas obras de emerxencia; e que se constata a incapacidade da N-536 como vía alternativa ante o peche da N-120. Finalmente demandan a Fomento a rápida continuación dos traballos de rehabilitación estrutural e de reparación do firme na N-120 e na N-536, cuxo proxecto figura en poder da Demarcación de Estradas do Estado en Ourense.

A lonxitude da autovía A-76 -en torno a 125 quilómetros- e o volume de investimentos que se estima nesta vía -que superan os 1.100 millóns de euros- dan unha idea da importancia que esta infraestrutura de comunicación ten para Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar