Máis de 900.000 turistas estranxeiros en 2012

 

   Galicia recibiu ao longo do ano 2012 a visita de 900.214 turistas estranxeiros, o que supón un 5,7 por cento máis que o ano anterior, segundo recolle a Enquisa de Movementos Turísticos en Fronteira (Frontur) difundida este martes polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

Segundo os datos do Goberno, esta cifra supón que ao longo do pasado ano escolleron Galicia como destino o 1,5 por cento dos turistas estranxeiros que visitaron España.

O conxunto do país recibiu en 2012 un total de 57,7 millóns de turistas internacionais, o que supón un 2,7 por cento máis respecto a un ano antes, o terceiro mellor dato en chegadas internacionais por detrás de 2007, ano no que chegaron a España 58,7 millóns de turistas estranxeiros, e de 2006, cando se alcanzaron os 58 millóns de visitantes internacionais.

Os principais mercados emisores foron Reino Unido, Alemaña e Francia, aínda que Rusia foi o país que maior incremento rexistrou, cunha alza do 39,8 por cento en todo o exercicio, superando os 1,2 millóns de turistas.

En concreto, os turistas procedentes de Reino Unido, primeiro mercado emisor cara a España co 23,7 por cento das chegadas, creceron un 0,3 por cento, con máis de 13,6 millóns de visitantes, mentres que no último mes do ano caeron un 11,3 por cento, ata 518.550 turistas.

Seguiulle Alemaña como segundo mercado emisor, cun aumento do 4 por cento ao peche do ano, tras recibir 9,3 millóns de turistas xermanos, que equivalen ao 16,2 por cento do total dos visitantes e un 7,4 por cento máis de chegadas no último mes, con 399.829 turistas.

CATALUÑA CONCENTRA O 25% DO TOTAL.

Entre as comunidades autónomas, Cataluña, cun aumento do 9,9 por cento, captou a maior porcentaxe de visitantes estranxeiros, un 25 por cento do total das chegadas en 2012, o que se traduciu en 14,4 millóns de turistas recibidos.

Baleares, en segundo lugar, recibiu 10,4 millóns de turistas, un 3,3 por cento máis, co 18,1 por cento do total, seguida de Canarias, con 10,1 millóns de visitantes (0,7 por cento menos) e Andalucía, cun 2,3 por cento menos de visitantes, ata 7,5 millóns de turistas estranxeiros.

A Comunidade Valenciana mantívose con 5,3 millóns de turistas (0,2 por cento máis), mentres que a Comunidade de Madrid aumentou un 0,4 por cento os seus visitantes estranxeiros, ata case 4,5 millóns de turistas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar