A Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza analizan a marcha dos novos edificios xudiciais


O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, presidiron hoxe a reunión da Comisión Mixta entre Xunta e TSXG, na que, entre outros asuntos, analizaron a dotación posta en marcha para posibilitar a celebración do xuízo do Prestige na Coruña. Na reunión tamén participou o vocal do Consejo General do Poder Judicial, Manuel Almenar.

O presidente do TSXG explicou aos medios de comunicación que se producirá unha modificación no calendario previsto, derivada da propia evolución do xuízo, de tal xeito que o seu remate, previsto para finais de xuño, poderíase adiar segundo as novas estimacións ata mediados de xullo. Esta prolongación foi unha das cuestións abordadas na reunión previa á Comisión que mantiveron Rueda e Cadenas co xuíz Juan Luis Pía, maxistrado presidente da sala que celebra o xuízo.

O vicepresidente da Xunta destacou os esforzos levados a cabo pola Xunta, especialmente na actual situación económica, para dotar dos medios materiais necesarios á Administración de Xustiza para a celebración dun xuízo como o do Prestige, que debido ao seu carácter excepcional estase a celebrar en Expocoruña.

En total, o Goberno galego leva investidos 1,4 millóns de euros para habilitar unha sala de vistas de 450 metros cadrados, que conta cunha tarima de 200 metros cadrados e máis de 200 asentos para o público, así como con unha sala de prensa anexa con acceso a Internet e saída de vídeo para facilitar a labor aos medios. Tamén se teñen habilitado equipos e servizos de interpretación e de tradución a catro idiomas, así como servizo de vixilancia e dotación de todo o equipo tecnolóxico necesario para o xuízo.

Balance Senda
Precisamente sobre as novas tecnoloxías, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, explicou os avances acadados no marco do Plan Senda para integrar as TIC na Xustiza. Unha folla de ruta para modernizar a Xustiza que contou cun investimento no período 2009-2012 de 13,7 millóns de euros.

Entre os obxectivos acadados o pasado ano está finalización da implantación do sistema Lexnet en todos os órganos xudiciais de da Comunidade, que rexistraron 2.551.458 notificacións electrónicas. Para empregar este sistema a Xunta completou en 2012 o proceso de acreditación dixital dos empregados públicos da Administración da Xustiza a través do Programa Kronos coa emisión de 2.551 tarxetas criptográficas que permiten o acceso a Lexnet e a sinatura dixital.

Tamén se completou despregamento de 22 equipos de videoconferencia de sala. Con estas instalacións, o sistema xudicial galego conta cunha rede de 55 equipos de videoconferencia de sala que dan servizo a todos os partidos xudiciais con tres ou máis órganos. O número de videoconferencias realizadas nos equipos de sala da rede de sistemas de videoconferencia de Galicia dende xaneiro ata novembro do 2012 foi de 2.449

Renovación de equipos e infraestruturas
Na área de equipamento renováronse 302 PCs de sobremesa, 340 equipos portátiles e se instalaron 23 novas impresoras. Desde xeito, o equipamento informático dos órganos xudiciais cunha antigüidade inferior aos 5 anos pasou de do 37 por cento en 2009 ao 85 por cento a finais de 2012, de tal xeito que hoxe en día practicamente nove de cada dez ordenadores dos xulgados galegos ten menos de cinco anos, segundo destacou o vicepresidente da Xunta.

En canto a infraestruturas xudiciais, Rueda tamén fixo fincapé na importancia do Plan posto en marcha pola Xunta, que ten permitido en plena época de crise construír ou adecuar edificios xudiciais en numerosas cidades galegas, como en Ferrol ou Santiago. Así mesmo, está en plena execución o novo edificio de Ourense e para os orzamentos de este ano inclúense partidas para iniciar as obras en Pontevedra e na Coruña. Nese sentido, o vicepresidente lamentou unha vez máis que a única cidade incluída no plan onde a Xunta non pode iniciar as obras é Vigo, xa que o seu Concello é o único que se ten negado a ceder ao Goberno galego os terreos necesarios para construír a infraestrutura.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar