Teresa Conde Pumpido compromete contención do gasto no Consello Consultivo

A presidenta do Consello Consultivo de Galicia, María Teresa Conde-Pumpido, acompañada de parte do seu equipo, presentou diante da Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia as contas da institución para o presente exercicio salientando «o considerable e continuo esforzo por reducir o gasto que este organismo ven desenvolvendo desde o ano 2009, garantindo tanto a calidade dos servizos que presta as administracións públicas, coma a consecución dos seus obxectivos».

O orzamento do Consello Consultivo de Galicia para o ano 2013 -que representa o 0,022% do global da Comunidade Autónoma ascende a algo máis de dous millóns de euros (2.012.311 €), o que supón unha redución do 6,19% respecto ao 2012. Unha política de contención do gasto que rexistra as maiores minoracións no capítulo I de gastos de persoal, cun aforro do 5,58% respecto ao exercicio anterior, e no capítulo VI de investimentos reais cun 14,79%. No que atinxe ao capítulo II, de gastos correntes en bens e servizos a rebaixa chega ao 6,16%.

Para a presidenta do Consello Consultivo «xa non é posible seguir recortando se queremos manter a calidade do servizo que a cidadanía esixe». Neste punto destacou que fronte á minoración orzamentaria do 6,19% para este ano en relación ao 2012, o número de expedientes incrementouse nun 13,31%, ao tempo que na súa relación de postos de traballo contou con dous letrados menos. «Unha comparativa -engadiu- que, se nos remontamos ao 2010, reflicte unha diferencia aínda máis acusada, por canto o orzamento vai minorando cada ano mentres que o número de asuntos ditaminados ascendeu nestes tres anos en algo máis dun 27%».

A este respecto, Mª Teresa Conde Pumpido agradeceu e destacou, na súa comparecencia parlamentaria, o esforzo do persoal que presta os seus servizos no órgano consultivo, «profesionais que poñen o interese da institución por diante do seu interese personal». Lembrou tamén que os ditames do Consello Consultivo «reforzan ao goberno na súa misión de dirección da Administración contribuíndo a xerar a seguridade xurídica e a obxectividade na actuación daquela, ao tempo que serven de garante da legalidade para a cidadanía».

ACTIVIDADE CONSULTIVA

Ademáis de facilitar os datos da proxección orzamentaria, a presidenta do Consello Consultivo fixo unha síntese do traballo realizado ao longo do pasado ano. Destacou, en concreto, que se tramitaron 732 expedientes de solicitudes, dos cales 565 corresponderon á Administración autonómica, 163 á local, 3 ao ámbito universitario e 1 a outras administracións.

Deste total de expedientes remitidos ao organismo consultivo para o seu exame, o maior número correspondeu a reclamacións de responsabilidade patrimonial (618); a revisión de oficio de actos administrativos, 41; e a proxectos de regulamentos, outros 30.

Mª Teresa Conde Pumpido destacou tamén que, nos seus dezasete anos de existencia, o Consello Consultivo de Galicia informou de 12.081 expedientes, salientando que «preto do 95% das veces as administracións actúan de conformidade co criterio emitido pola institución consultiva».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar