Impulso á distribución de electricidade no rural

O Goberno galego aprobou, por vez primeira, os Plans de investimento das distribuidoras de enerxía eléctrica en Galicia que prevén, ata o ano 2015, arredor de 700 millóns de euros para a mellora da subministración eléctrica. Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión do Consello da Xunta, que hoxe abordou un informe da Consellería de Economía e Industria sobre a aprobación destes plans de investimento das instalacións de enerxía eléctrica en Galicia.

“Un investimentos de 700 millóns de euros. Este é o compromiso das compañías de distribución eléctrica de investir en Galicia ata o ano 2015 para mellorar a distribución da enerxía na nosa comunidade autónoma”, aseverou Feijóo, subliñando que isto “nos permite afondar na mellora eléctrica cunha maior planificación” e incidindo en que, “por primeira vez, Galicia aproba estes plans conxuntamente e publícaos no Diario Oficial de Galicia”.

 

“Polo tanto –engadiu-, garantimos a transparencia; sabemos con antelación os investimentos aos que están obrigados as compañías; e tentamos defender máis aos consumidores”.

Segundo explicou o mandatario galego, non se poderá cobrar a terceiros unha instalación eléctrica, sempre que esta instalación “traia a causa a extensión natural da  rede e sexa provocada polo crecemento vexetativo da poboación”. “Cando unha compañía eléctrica teña que mellorar a súa rede de distribución porque hai máis usuarios, iso non se pode repercutir, en ningún caso, nos custos de transferencia nin nos custos de
subministración eléctrica nos recibos da luz”, asegurou Feijóo, sinalando que o feito da non repercusión dos custos e a obriga de que as empresas
distribuidoras teñan que facer fincapé e asumir, con recursos propios, estes investimentos, é “fundamental nos momentos de incremento do recibo da luz”.

 

Segundo manifestou o titular da Xunta, os
resultados logrados ata o de agora en relación con estes plans de distribución
son “positivos”, conseguindo unha redución de máis dun 50% no tempo de
interrupción da subministración con respecto ao ano 2008; así como unha
redución de máis do 38% con respecto ás interrupcións. “E a pesares diso
–abondou-, seguimos investindo, [as eléctricas] seguirán investindo e teñen a
obriga de investir uns 700 millóns de euros ata o ano 2015”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar