Santiago: 6.700 prazas de actividades socioculturais no primeiro semestre

 

A Concellería de Centros Socioculturais presenta para o primeiro semestre de 2013 unha variada oferta de actividades en torno á animación sociocultural, a educación, as artes, a participación cidadá, as novas tecnoloxías, a lectura e o tempo libre. O titular do Departamento, Francisco Noya, deu conta das principais propostas para este período no que se segue apostando polo rural e no que se manteñen os prezos para as actividades de pago respecto a 2012.

A oferta neste período contempla máis de 197 grupos variados de actividades baixo inscrición, cun total aproximado de 6.700 prazas dispoñibles. A estas hai que sumar as 600 prazas previstas para actividades de balde. Ademais desta oferta regular, os centros socioculturais desenvolven actividades que non requiren de apuntamento e son gratuítas.

O orzamento global desta programación contempla uns gastos de 120.500 euros e unha previsión de ingresos polo pagamento das cotas de participación en actividades de 85.361 euros. Deste xeito, o saldo a asumir polo Concello é de 35.139 euros. A propósito disto, cómpre lembrar que nesta oferta se inclúe a prestación da adxudicataria da animación sociocultural, cuxo gasto non se repercute nesta previsión orzamentaria.

Francisco Noya explicou que os centros socioculturais veñen acollendo anualmente uns 300.000 servizos personalizados aos usuarios. Indicou tamén que as actividades responden «ás necesidades expresadas polos usuarios, apostando ao mesmo tempo pola renovación de contidos e formatos».

En relación a este novo curso 2013, o concelleiro salientou a continuación de exitosos programas postos en marcha en 2012, como Cultura Viva. Fai túa Compostela ou Compostela Cine Classics. En breve tamén serán presentados os programas Imos ao baile 2013 e Imos de excursión 2013. E xa se está a preparar o amplo calendario de actividades para celebrar o Entroido.

O edil quixo destacar igualmente que estas actividades vense complementadas polo traballo das asociacións de veciños e culturais, que tamén programan un importante número de eventos de todo tipo. As súas actividades tamén se inclúen nos programas dos centros.

Eixes temáticos
Un significativo número de actividades van ligadas a programas de artes e culturas, tales como o do club de teatro, o de corais, o de exposicións ou a colaboración co programa da rede cultural da Deputación da Coruña. Tamén terán continuidade todos os programas vinculados á dinamización e á introdución ás novas tecnoloxías. E seguindo co ámbito educativo, realizarase o proxecto Exploro, me informo, me formo, así como obradoiros, cursos, charlas, xuntanzas e monográficos de temática transversal na rede: idiomas, actividade psicofísica, folclore tradicional, debuxo, pintura, plástica, cociña, traballos manuais, apoio ao estudio, medio ambiente, temática social, achegamento á música, tardes creativas, catas gastronómicas…

A Biblioteca José Saramago seguirá cos seus programas ligados á lectura e á literatura, e os maiores terán a posibilidade de participar un ano máis en actividades especialmente pensadas para eles, como as xa mencionadas de baile e excursións, ou os programas de estimulación da memoria o ximnasia.

Ás tradicionais semanas culturais dos barrios, uniranse os proxectos realizados con motivo de datas sinaladas e, tamén no eido lúdico, continuarán funcionando as aulas de xogo e o club de xadrez.

Programacións específicas en seis folletos
As programacións específicas de cada un dos 42 centros socioculturais xa están dispoñibles nesta web e na dos centros socioculturais, para ser consultadas polos veciños. Distribúense en seis folletos, que integran os seguintes centros: Fontiñas, A Trisca, Viso, Amio e As Cancelas; O Castiñeiriño, Sar, Cardenal Quiroga e Pontepedriña; Conxo, A Rocha e Vidán; O Ensanche, Casco Histórico e San Lourenzo; Vite, Casa Agraria, Romaño, A Almáciga, A Caramoniña, Brañas de Andres e Casas Novas; e A Gracia, Villestro, Marrozos, O Eixo, Laraño, Figueiras, Lavacolla, Bando, Santa Cristina de Fecha, Enfesta, A Peregrina, Lamascal, Marantes, Grixoa, Aríns, San Xulián do Carballal, Nemenzo, Busto, Berdía, San Xoán de Fecha (todos eles centros do rural). Ademais dos folletos, o edil destacou a importancia que se lle quere dar ás redes sociais para a comunicación directa entre usuarios e centros socioculturais.

Nestes programas de peto aínda non se inclúe a programación do novo centro sociocultural de Santa Marta, que se está rematando de perfilar. Francisco Noya avanzou que se realizará un programa estable de teatro afeccionado neste centro, que tamén acollerá as proxeccións do ciclo Compostela Cine Classics.

Mesmos prezos que en 2012
O prezo das actividades que supoñan pagamento variará segundo a duración das mesmas e o tipo de usuario (tarifas incluídas en documento adxunto). O pagamento en xeral, correspondente as actividades, é trimestral, a excepción dos clubs que terán unha única cota. Outras actividades gozan dun prezo subvencionado a proposta das asociacións de veciños e dos propios equipos de programación dos centros.

O abono da cota faise a través dun modelo formalizado que, unha vez confirmada a obtención da praza, entregarase nos centros socioculturais onde se desenvolva a actividade. A propósito disto, o concelleiro de Centros Socioculturais salientou que o prezo para a participación nas actividades non contemplou subida algunha neste ano 2013, manténdose o mesmo que en 2012.

O acceso a servizos como bibliotecas, aulas informáticas, aulas de xogo, uso expositivo, espectáculos teatrais, culturais, club de lectura virtual, é de maneira xeral, de balde.

Os interesados deben achegarse aos respectivos centros socioculturais para formalizar a prescrición, cubrindo a correspondente folla no prazo establecido en cada caso.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar