Presentación da Carreira Popular Torre de Hércules

O concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, presentou onte a III Carreira Popular Torre de Hércules – I Trofeo José Antonio Varela Calviño. A proba leva o nome deste deportista membro da directiva da Federación Galega de Atletismo, que combinou o fútbol (xogou no Deportivo entre 1978 e 1981) coa práctica do atletismo, na que destacou dende moi novo. Foi campión de España de maratón, durante varios anos consecutivos, en pre-veteranos e veteranos. Ademais ten un dos mellores rexistros galegos en maratón. Ao responsable municipal acompañárono o propio José Antonio Varela Calviño, ademais do presidente do Club de Atletismo Coruña Comarca, José Carlos Tuñas.

A carreira, que forma parte do circuíto Coruña corre tras as realizadas nos Rosales e Novo Mesoiro, terá lugar o domingo 3 de febreiro ás 12.15 horas no caso da categoría absoluta, xa que o resto de categorías competirán dende as 10.30 horas. Sairá da explanada da Torre de Hércules e percorrerá un total de 8.000 metros pasando polo Paseo dos Menhires, Adormideras e o Paseo Marítimo ata a altura do Castelo de San Antón, onde os corredores darán a volta para regresar facendo o mesmo percorrido.

O circuíto Coruña corre naceu coa intención de fomentar o deporte, aglutinar organizativamente o gran número de carreiras populares en ruta que se organizan actualmente no municipio e involucrar as asociacións veciñais e clubs de atletismo da cidade. Unha das súas particularidades é a de contar cunha clasificación familiar que pretende que os membros dunha mesma unidade familiar participen xuntos. Polo momento hai inscritas 40.

Os interesados en participar poderanse apuntar ata as 23.30 horas do 31 de xaneiro e recoller os seus dorsais, ben o sábado 2 de febreiro no frontón da Cidade Deportiva da Torre de 11.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.30 horas, ou ben o domingo 3 de febreiro nas zonas habilitadas no lugar de saída ata unha hora antes do inicio da competición.

Inscricións: www.championchipnorte.com

Máis información: www.coruna.es/carreraspopulares

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar