Máis de 400 persoas esperan por un transplante en Galicia

 

   Un total de 410 persoas esperan por un transplante en Galicia, sete menos dos que o facían a 31 de decembro do ano anterior, e despois de que en 2012 o número de doadores de órganos na Comunidade se incrementase un 14 por cento con respecto a 2011, alcanzado o centenar. Este número roza a marca de 101 doadores galegos que se rexistraron en 2002.

Concretamente, esperan nove persoas para ser sometidas a un transplante de corazón; dez, para pulmón; 43, para fígado; sete, para páncreas; e 341 agardan por un transplante de ril. «Galicia segue sendo referente en doazóns e actividade», remarcou a xerente do Sergas, Neves Domínguez, na presentación dos datos correspondentes ao pasado ano.

Ademais, nos hospitais galegos realizáronse en 2012 un total de 294 transplantes, tres máis que en 2011. Concretamente, levaron a cabo 25 transplantes de corazón, 35 de pulmón, 91 de fígado, 138 de ril –dos cales 24 foron de doador vivo– e cinco de páncreas, tal e como informou este mércores a xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en rolda de prensa.

Acompañada polo director de Asistencia Sanitaria, Félix Ruibal, e polo director da Oficina de Coordinación de Transplantes (OCT), Xacinto Sánchez; Neves Domínguez debullou os datos de transplantes de órganos realizados en 2012 en Galicia, que se corresponden con 138 de ril, 91 de fígado, cinco de páncreas, 25 de corazón e 35 de pulmón.

Tamén apuntou que, dende que se fixo o primeiro transplante en 1981, ata o 31 de decembro de 2012 se levaron a cabo en Galicia un total de 6.053 operacións deste tipo; mentres que en 2012 se consolidaron as cifras de transplantes de riles procedentes dun doador vivo, cun total de 24, o que supón un 17,4 por cento do total dos realizados.

Deste xeito, dende 2001 –cando se empezaron a realizar transplantes cun doador vivo–, levaron a cabo 122 operacións deste tipo en todos os hospitais da comunidade.

PERFIL DOADORES

O número de doadores de órganos cadáver 2012 alcanzou os cen, que se corresponden con 43 na provincia de A Coruña; 11, en Lugo; seis en Ourense; e 40 en Pontevedra. A taxa sitúase en termos relativos en 36 doadores por cada millón de habitantes, unha cifra que está por enriba da estatal (34,8) e que supón un incremento importante con respecto a 2011 (31,2).

De feito, Nieves Domínguez resaltou o descenso das negativas familiares, que se situaron en 2012 no 24,8 por cento, catro puntos menos que en 2011, cando foi do 28,7 por cento. As causas das negativas, explicou, débense fundamentalmente a motivos «culturais-relixiosos».

Ademais, un estudio do Sergas e a facultade de Psicoloxía da USC revela que outros motivos esgrimidos están relacionados co tratamento do cadáver (desfiguración, abandono do falecido ou tardanza en recuperar o corpo), o tráfico de órganos ou o que pensarán outros familiares ou veciños.

Así as cousas, o perfil do doador correspóndese en Galicia cunha media de idade de 60,4 anos, sendo o 73 por cento de máis de 50 anos e o 28 por cento persoas que teñen máis de 75 anos. Ademais, o 5 por cento son menores de 30 anos; o 22 por cento sitúase entre os 30 e os 50 anos; o 24 por cento, entre 50 e 65 anos; e o 21 por cento, entre 65 e 75 anos.

Sobre as idades dos doadores, Nieves Domínguez remarcou que «a idade non é un problema» e subliñou que unha persoa maior «pode ser doadora» mentres se cumpran o resto de requisitos sen importar os anos.

CAUSAS MORTE DE DOADORES

Con respecto ás causas da morte dos doadores, hai unha diminución dos que procedían de accidentes de tráfico, debido á redución tamén de sinistros de circulación. Deste xeito, en 2012, os transplantes derivados dun accidente de tráfico supuxeron o 5 por cento, mentres que no ano 2000 esta cifra alcanzaba o 20 por cento.

Así as cousas, o 62 por cento dos transplantes realizáronse a raíz de persoas que sufriron accidentes cerebro vasculares, seguidos dos traumatismos cranio encefálicos que non foron consecuencia de accidente de tráfico.

AUMENTO DE CARNÉS

Nieves Domínguez tamén subliñou que Galicia conta actualmente con 87.883 persoas con tarxetas de doador. De feito, en 2012 realizáronse un total de 5.017 novos carnés na oficina de coordinación.

A xerente do Sergas, que mostrou o seu agradecemento a estas persoas, aos seus familiares e aos profesionais, tamén subliñou a importancia das campañas de divulgación e fomento das doazóns, cuestións nas que se seguirá incidindo neste 2013 con actividades para escolares e cursos ou seminarios.

No curso 2011-2012 realizáronse 96 charlas escolares en 83 centros e 49 concellos nas que participaron 5.390 nenos. Ademais convocou un concurso escolar de debuxos e lemas, que para este ano será de curtametraxes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar