Este ano haberá «maís esforzos e sacrificios», manifesta Feijóo sobre a crise

   O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo deu por feito nunha entrevista en Radio Nacional de España  que tocará facer «máis esforzos e sacrificios» en 2013 posto que a crise «máis profunda» se prolongará ata este ano. «Espero que en 2014 e, sobre todo en 2015, empecemos a ver a luz ao final do túnel»,  sinalou.

Remarcou que a «obriga cívica, ética e moral» dos políticos é «preocuparse» polos que non teñen traballo e mostrouse convencido de que «o enfermo» –en alusión á economía española– «responde ao tratamento» que se lle está a aplicar dende o Goberno central, ao igual que o resto de administracións, familias e empresas.

«Hai indicios de que o tratamento que estamos a implementar empeza a producir algún efecto no paciente con prognóstico reservado que é a economía española», subliñou o presidente, quen se reafirmou en que, como comprometeu en campaña electoral, esta pode ser a lexislatura na que Galicia alcance «o déficit cero».

Ao respecto, Núñez Feijóo advertiu de que a súa preocupación polo déficit non é «unha obsesión economicista», senón que permitiría «diminuír a dependencia» e destinar menos fondos a sufragar a débeda e máis a políticas de crecemento e sociais.

FINANCIAMENTO EN 2013

Tamén en clave económica, o presidente galego defendeu que Galicia «non está no suposto» doutras comunidades que acudiron ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA) porque tiñan dificultades para financiarse no mercado, senón que, en 2012, a autonomía galega logrou colocar «o cen por cento da súa débeda».

«E en 2013, veremos que podemos conseguir no mercado e que ofrece o Tesouro. Se as condicións do Tesouro son mellores non temos interese en dalos a gañar aos mercados», esgrimiu Feijóo, quen defendeu o dereito da expresidenta madrileña Esperanza Aguirre «a buscar un posto de traballo» nunha empresa a razón da cal de ser «non ten moito que ver coas súas antigas obrigas políticas».

BALTAR

No transcurso da entrevista, Feijóo agradeceu que o extitular da Deputación de Ourense, José Luis Baltar Pumar, «entendese» que era «lóxico» pedir a baixa temporal para «poder defenderse» do que se lle acusa. Ademais, incidiu en que «o número de persoas contratadas» –investígase suposta prevaricación en máis dun centenar de contratos– require «aclarar» o caso «con rapidez e eficacia».

Núñez Feijóo incidiu en que Baltar Pumar non ocupa «dende hai un ano» ningún cargo de responsabilidade política e recordou que, ademais, agora tamén pediu a suspensión temporal de militancia no partido.

En canto á evolución dos casos de corrupción no país, admitiu que «non sabe se hai máis ou menos que antes», pero reafirmouse en que «hai distintas graduacións».

«Non todas as cuestións teñen a mesma relevancia, hai cousas execrables que hai que extinguir da vida política, outras que hai que corrixir, e, ás veces, aos políticos impútaselles presuntas irregularidades que non o son», remarcou.

Imprimir

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar