Educación xa apartou ao profesor de relixión acusado de abusos sexuais

 

O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, resaltou este luns que o seu departamento actuou «oportunamente» ao decidir a suspensión do exercicio da docencia a un profesor de Relixión da provincia de Ourense acusado pola Fiscalía dun delito de abusos sexuais sobre alumnos.

Preguntado por esta información, publicada polo diario ‘Faro de Vigo’, o conselleiro defendeu que o seu departamento coñecía a situación e actuou «con discreción», ao apartar das aulas a Agustín O.G. en 2011.

«No mesmo momento en que tivemos coñecemento desas posibles circunstancias, a consellería tomou unha decisión, evidentemente, tratando de protexer quen temos que protexer, que son os nenos», resolveu.

A FISCALÍA ACUSA

 

O proceso xudicial contra o profesor de relixión acusado pola Fiscalía de supostos tocamentos a oito menores en varios colexios do oriente ourensano está a tocar ao seu fin e só queda que a sección segunda da Audiencia de Ourense fixe data para o xuízo, que probablemente será por procedemento abreviado e ao porta pechada, segundo fontes xudiciais.

A delegación da consellería de Educación en Ourense informou a Europa Press do procedemento seguido tras as primeiras queixas polo comportamento do profesor agora imputado, procedentes do colexio público de Rubiá nunha acta asinada polos membros do Consello Escolar tras as irregularidades detectadas polos pais de dous menores.

Un inspector de educación percorreu os colexios de Rubiá, Vilamartín e Carballeda (ambos os dous na bisbarra de Valdeorras) e o de O Bolo onde impartiu clase de relixión o profesor, e elaborou un informe no que recolleu datos que constataban a posibilidade de que as queixas recibidas tivesen fundamento.

Segundo explicou a Europa Press a presidenta da Asociación de Nais e Pais se Alumnos (ANPA) Maite Núñez Domínguez, o colexio de Rubiá recibiu notificación da delegación tras facerse eco das súas queixas a principios do curso 2010-2011 e souberon que o docente foi apartado do seu posto en 2011, e así estivo ata agora.

O informe do inspector de educación puxo en coñecemento da Fiscalía de Menores e a investigación posterior desenvolvida por un xulgado de instrución de O Barco remata agora co escrito de acusación que imputa o profesor por tocamentos a oito alumnos polos que pide unha pena de 19 anos de cárcere e 35 de inhabilitación para o exercicio da patria potestade, tutela e garda de menores, ademais da docencia.

BISPADO DE ASTORGA

O Bispado de Astorga entregou a capacitación para dar clases de relixión ao profesor agora imputado e o delegado diocesano de ensino, Máximo Álvarez, dixo non ter «nunca ata onte» noticias sobre queixas contra ese profesor «e moito menos que se estaba a investigar» e engadiu que iso non lle pasou nunca cos colexios de Castilla-León.

O párroco do Bo Pastor de Ponferrada e delegado diocesano de ensino, Máximo Álvarez, dixo a Europa Press que leva nese cargo máis de seis anos e cando o ocupou, o acusado A.O.G. xa impartía clases de relixión en centros da bisbarra de Valdeorras, que depende no ámbito diocesano de Astorga igual que acontece con outros municipios do oriente ourensano como O Birlo ou Pobra de Trives.

«Os profesores de relixión son propostos polo bispado, e no caso deste home foi proposto polo anterior delegado, pero neste caso e no dos outros 14 profesores capacitados por este bispado e que exercen en territorio galego, os seus salarios corresponden á Xunta de Galicia».

Nese sentido, queixouse de que «nunca ata onte» soubo nada sobre o comportamento deste profesor. «E decateime na rúa porque tampouco nunca tivemos noticias no bispado de que fose suspendido así que tampouco interviñemos na elección dos seus substitutos», agregou.

«Calquera caso así acontecido en Castilla-León sabería inmediatamente no Bispado pero ademais da tristura que me causa todo isto, sexa verdade ou mentira, tamén sentimos indignación porque non hai sentenza nin xuízo e xa se lle está a xulgar», lamentou. Tamén reprobou que ninguén se puxese en contacto tras o acontecido «e nin o colexio, nin os pais nin a Xunta nos transmitiron nunca nada así que o de Galicia non o entendo», concluíu.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar