A demanda hoteleira en Santiago no 2012 a máis baixa dos últimos oito anos, cun 44% de media

 

   A demanda hoteleira en Santiago de Compostela durante o pasado ano caeu ata unha medida do 44,17 por cento, o que supón a cifra máis baixa dende 2004, en que coincidiu a celebración do Xacobeo, cando se rexistrou un pico do 63,62 por cento neste índice, unha realidade que, en palabras do director de Comunicación da Asociación de Hostalaría de Compostela, Aser Álvarez, está «moi por debaixo do potencial» co que conta a capital galega.

En rolda de prensa para facer balance do pasado ano, Aser Álvarez analizou a situación do sector en Santiago e bisbarra compostelana e concluíu que a receita para reverter a baixa demanda fronte á oferta, de «calidade», debe basearse na «internacionalización» do sector hostaleiro como un dos sectores económicos onde é necesario incidir.

Os hostaleiros compostelanos toman o exemplo de como se desenvolveu a estratexia na veciña cidade portuguesa de Oporto para volver insistir na necesidade de deseñar unha estratexia aeroportuaria de «estado» en Galicia como se fixo en Portugal, de forma que se coordinen as tres terminais galegas, que xuntas non alcanza o número de usuarios de Sáa Carneiro.

Non en van, o voceiro desta asociación adiantou que para o mes de febreiro, esta entidade organizará un debate sobre a estratexia aeroportuaria na que estará invitado o director da terminal do Norte de Portugal, a cal –considerou– converteuse en referencia da Eurorrexión como aeroporto de destino.

Deste xeito, os hostaleiros compostelanos piden decisións dende «o punto de vista empresarial» e non político para adoptar medidas ao respecto das terminais galegas. Así mesmo, apostou pola «promoción intelixente» de Galicia, «sabendo a onde se quere chegar» e remarcou que Santiago ten que ser a cidade que actúe de cabeceira e logo distribúa o «fluxo», ao respecto do que subliñou que ten os atributos necesarios para ser atracción: «destino gastronómico, patrimonio da humanidade e final do Camino.

Aser Álvarez referiuse aos datos de 2012, con seis meses «moi por debaixo» do 50 por cento de ocupación, para establecer a necesidade de incidir na demanda internacional, xa que se trata dun público desestacionalizado e con «alto» poder adquisitivo. Neste sentido, afirmou que hai «demanda» exterior, como constatan os ‘touroperadores’, pero as comunicacións non facilitan –apostilou– a chegada dos turistas.

Concretamente, os meses de xaneiro (24%), febreiro (30%), marzo (32%), abril (46%), novembro (38%) e decembro (21%) rexistraron en 2012 datos por debaixo do 50 por cento, que é «o umbral que faría sostible» o negocio. A iso, hai que sumar o feito de que en xullo esta cifra se situou no 49 por cento, o que supón «un dato moi por debaixo do que debería ser».

PECHE DE ESTABLECEMENTOS

Esta situación, explicou o voceiro dos hostaleiros compostelanos, levou ao peche de establecementos por períodos maiores do habitual. Ademais, augurou que en 2013 os peches poden ser maiores.

Ademais, recoñeceu, sobre a «sobredimensión» do sector en Compostela produciuse, sobre todo nos anos do ‘boom’ do Xacobeo –década dos 90– , por un lado «exponencial», coa transformación de pequenos negocios e a aterraxe de «grandes cadeas», que «saben onde está o potencial».

Non obstante, ante esta situación, os hostaleiros compostelanos apostan por «actuar sobre a demanda», que é onde hai que actuar», posto que o reaxuste da oferta, advertiu, ten tamén efectos en asuntos como «custos sociais».

Por outro lado, ao respecto do nomeamento do responsable da Axencia de Turismo de Galicia, na que se aglutina toda a estratexia turística galega coa fusión de varios departamentos e entes; Aser Álvarez demandou que se trate dunha persoa con «coñecemento e experiencia» no sector e que «se asesore» cos profesionais deste ámbito.

A este respecto, incidiu en que se trata dun «mundo» no que hai que tomar decisións «tan importantes» que é preciso unha persoa que aglutine «prestixio e coñecemento».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar