A exposición itinerante «A luz do Códice Calixtino», chega a Málaga

 

Unha mostra didáctica sobre a historia e os contidos do Calixtino, o ambiente cultural no que naceu, a mentalidade da época, a Catedral e a cidade de Santiago no século XII, así como unha síntese da historia do Camiño de peregrinación e os seus valores culturais abre mañá luns as súas portas en Málaga. O lugar no que pode visitarse é o Ateneo de Málaga, na sala Pérez Estrada do Centro Cultural. A mostra, está organizada por Turismo de Galicia a través do Xacobeo e estará complementada cun ciclo de conferencias baixo o título Inverno Xacobeo.

 

Está previsto que o acto inaugural se celebre mañá ás sete da tarde e que conte coa presenza do xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, José Paz Gestoso; do presidente do Ateneo de Málaga, Diego Rodríguez Vargas; e mais do presidente da Asociación Xacobea de Málaga.  Asistirán tamén numerosas autoridades andaluzas, como o alcalde da cidade, Francisco de la Torre Prados; o presidente da Deputación  Elías Bendodó; o delegado do Goberno José Luís Ruíz Espejo; os portavoces dos tres grupos políticos representados na corporación municipal e na Deputación; alcaldes e concelleiros dos municipios polos que pasa o Camiño Mozárabe dende Málaga ata Córdoba capital (Almogia, Antequera, Villanueva de Algaidas, Villanueva de la Concepción, Cuevas Bajas, Encinas Reales, Lucena, Cabra, Baena, Doña Mencia, Castro del Río e Espejo); presidentes dos distintos Grupos de Desenvolvemento Rural de Málaga e Córdoba; delegados do Goberno autonómico, etc.

 

O proxecto expositivo está  organizado pola S.A de Xestión do Plan Xacobeo da Secretaría Xeral para o Turismo en colaboración coa Fundación Catedral de Santiago, o Museo do Pobo Galego e, nesta ocasión, coa Asociación Jacobea e o Ateneo de Málaga.

 

A continuación do acto de inauguración, impartirase a primeira conferencia do ciclo Inverno Xacobeo, titulada Influencia do Camiño de Santiago na Construción de Europa que será pronunciada polo médico e xornalista Pedro Aparicio Sánchez e presentada por Andrés García Maldonado, avogado, xornalista e presidente do Colexio de Xornalistas de Andalucía.

 

A mostra

Algunhas das pezas que se poden ver na mostra son orixinais e outras son edicións facsímile, como unha edición facsímile do Códice Calixtino do século XII; unha peza orixinal dun capitel xeminado medieval dunha casa compostelá; un facsímile da cruz doada polo rei Afonso III en 874 – peza de ouro e pedrería realizada en 2004- ; un libro orixinal cunha escena de peregrinación con gravados do século XVI ou un rosario de acibeche e prata do gremio de Acibecheiros de Santiago do século XIX.

 

Ademais poderán verse fotografías ampliadas de miniaturas do Códice; a reconstrución virtual dun altar maior románico da catedral de Santiago segundo unha descrición do Libro V do Calixtino e tamén gozar da música ambiental da exposición que procede das notacións orixinais do Códice Calixtino.

 

A mostra complétase con textos, fotografías e a posibilidade da visión completa do Códice en edición dixital, así como diversas recreacións audiovisuais baseadas en datos do Libro V do Códice e dun programa de visita virtual á Basílica Xacobea denominado Libro de Pedra.

 

Tamén inclúe importantes exemplos da creatividade artística contemporánea, en especial as láminas orixinais de Francisco Leiro que acompañan á primeira edición íntegra en galego do Codex, mentres que artistas como Luis Gabú, Santy López, Tino Viz, Eutropio Rodríguez e Silvia Steinbach ilustran coas súas fotografías a vixencia dunha serie de textos orixinais do Liber Sancti Iacobi. Trátase dunha maridaxe perfecta entre o pensamento do século XII e a vivencia actual da peregrinación compostelá no século XXI.

 

Próxima itinerancia

Previamente á súa organización no Ateneo malagueño, esta exposición estivo en Barcelona, Madrid, León e Pamplona.  Tras esta xira por cidades españolas, está previsto que inicie unha itinerancia europea por cidades como Le Puy, Munich, Berlín ou Roma.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar