Os militantes presentan trescentas emendas ás ponencias do XV Congreso do PP de Galicia

 As bases do Partido Popular de Galicia presentan case 300 emendas ás ponencias do XV Congreso da formación. As aportacións dos militantes demostran a viveza dun partido e o interese por seguir actualizando o seu ideario ao son que marcan as necesidades dos galegos.

Por outra banda, os Estatutos do PPdeG reforzarán a natureza do partido baseada na liberdade e no humanismo cristián así como tamén o galeguismo aparecerá como outra das fontes das que mana a ideoloxía popular.

AS EMENDAS

Os afiliados do PP consideraron interesante incidir nesa idea como o camiño máis útil fronte aos que apostan polo nacionalismo e a autodeterminación no conxunto do Estado español ou fronte aos que actúan en Galicia como unha mera sucursal dun partido madrileño.

Máis alá da identificación do PPdeG como partido, os afiliados consideraron oportuno fortalecer as comisións sectoriais da formación e o seu papel á hora de nutrir de ideas ao partido e tamén á hora de conciliar os seus programas electorais.

Hai tamén emendas que afondan na participación dos afiliados na organización do partido. Así, unha das emendas propón que a xunta directiva autonómica integre a un número por determinar de afiliados de base sen cargo algún e que sexan representantes da masa de simpatizantes do partido dentro do seu principal órgano de Goberno.

Aparte destas emendas, vinculadas á ponencia Estatutos e regulamentos dun partido que cambia contigo, rexistráronse outras de interese sobre o relatorio A crise como reto do presente; o crecemento como meta do futuro que fan mención á necesidade de intensificar os esforzos en materia de política turística como modelo para saír da crise económica.

Neste senso, hai unha emenda que aposta por diversificar a oferta de vóos dos tres aeroportos galegos especializándose e xestionándoos conxuntamente, de forma que Galicia sexa un aeroporto único con tres pistas.

 TURISMO DE CRUCEIRO

Ademais, tamén se fai referencia á necesidade de fomentar a chegada de visitantes por mar a Galicia, fundamentalmente a través do turismo de cruceiro, que adoita deixar bos resultados ao comercio e á hostelería das cidades con portos habilitados para o atraque de ditas embarcacións.

Sobre a terceira ponencia, As persoas como prioridade dunhas institucións abertas, hai varias emendas que apostan por continuar coa redución da Administración paralela e de prescindir das empresas públicas cuxas funcións poidan ser asumidas pola Administración.

É evidente que en Galicia hai un problema demográfico e os afiliados do PPdeG téñeno moi presente á hora de presentar emendas as ponencias do partido. Así, varias das propostas presentadas polas bases apostan por medidas de estímulo á natalidade atendendo, iso si, ao nivel de renda familiar á hora de conceder estímulos fiscais e tamén recordando que a idade é o principal factor de risco da dependencia e, por tanto, é necesario invertir a pirámide poboacional e rexuvenecer a Galicia que vén.

Tamén, en materia de política educativa, hai mencións expresas dentro das emendas presentadas polos afiliados do PpdeG. Principalmente, apuntan a instaurar a libre elección de centro escolar así como a posta en marcha da toma de decisións que sigan facendo das escolas en Galicia espazos de liberdade e coñecemento sempre partindo dunha máxima: protexer a figura dos docentes.

Por tanto, as ponencias polo xeral redundan nas políticas iniciadas por Feijóo e, baseándose nelas, non se aprecia a necesidade de xiros significativos na doutrina do partido.

Por outra banda, os Estatutos do partido que sairán deste XV Congreso identificarán o galeguismo de Fraga como referente do partido. E precisamente a memoria do Presidente Fundador estará moi presente nun cónclave que case coincide no tempo co aniversario do seu pasamento e co daquel Congreso no que Fraga cedeu o testigo da Presidencia do partido a Alberto Núñez Feijóo.

 

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar