«O señor das Dunas» chega a Vedra e Taboada, dentro do programa «FalaRedes»

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a promocionar o galego polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) con ‘FalaRedes’, o programa de promoción social do galego impulsado a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Esta fin de semana, será a quenda dos municipios de Vedra e Taboada, que recibirán o espectáculo familiar ‘O Señor das Dunas’, no que un vello mariñeiro contará cinco historias populares galegas ao mesmo tempo que o seu axudante vai ilustrando con area as distintas pasaxes que recrea nos seus contos. Mediante unha moderna técnica, o público poderá seguir a elaboración de cada ilustración nunha pantalla grande, que xunto coa música ambiente engaiolará ao público durante os 50 minutos de duración.

Ao remate da función, e para promover a lectura e a transmisión interxeneracional da lingua galega, cada espectador recibirá como agasallo o libriño Cinco Contos Galegos, que recolle os debuxos e as historias da actuación, recompiladas da tradición oral por Henrique Harguindey e Maruxa Barrio. Para os máis interesados, tamén está dispoñible na rede un breve manual para mellorar a narración oral e a expresividade:
http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/contos_arredor_microondas.pdf

Hoxe, “O Señor das Dunas” chegará ata Vedra, cunha función ás 17:00 horas no Centro da Terceira Idade. E mañá desprazarase ata o municipio lucense de Taboada, onde compartirá o seu saber coa veciñanza que se achegue ás 18:00 horas á Casa da Cultura do Antigo Cuartel. A entrada é libre ata completar o aforo.

FalaRedes

O programa de dinamización lingüística FalaRedes achegou máis de 230 actividades gratuítas aos concellos da RDL dende a súa posta en marcha no pasado mes de marzo, coa finalidade de crear espazos de uso e de aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da información e da comunicación (TIC). Dese modo, promóvese unha imaxe da lingua renovada e relacionada con valores positivos.

Xunto co “Señor das Dunas”, orientado ao público xeral, outras dúas iniciativas promoveron o galego nas idades máis temperás. “Galego de Cine” achegou curtametraxes de animación producidas na lingua de Galicia a un cento de concellos no interior dunha caravana reconvertida en sala de cinema, e animou despois a que os propios asistentes creasen a súa propia peza audiovisual. As TIC danlle soporte a todas as historias creadas polos pequenos en www.galegodecine.com

O público adolescente, por outra banda, tivo un oco en Titerehop, un obradoiro de monicreques e hip hop no que aprenderon a rimar as súas situacións cotiás. Para ligar o uso da lingua galega a modernas formas de expresión, tamén se poden descargar da rede todas as cancións en formato mp3, no blog http://titerehop.wordpress.com.

Toda a información sobre FalaRedes e o seu calendario de actividades por concellos están dispoñibles no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística:www.xunta.es/linguagalega/falaredes e tamén nas redes sociais.

Dossier de prensa

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar