A Xunta saca a concurso a explotación de Autovía Dozón-Ourense

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas realizará este ano os trámites necesarios para sacar a concurso a xestión e explotación da autovía AG-53 (Dozón-Ourense), que a día de hoxe leva a cabo a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, co obxectivo de eliminar das contas públicas a débeda de 150 millóns de euros que aínda quedan por amortizar do investimento realizado.

O conselleiro Agustín Hernández fixo este anuncio hoxe na súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento para explicar os orzamentos do seu departamento en 2013. Sinalou que ademais de manter a planificación de obras e de priorizar as actuacións en función da súa eficiencia e eficacia, a Xunta está a buscar de recursos adicionais que permitan contar con dispoñibilidades orzamentarias adicionais.

Nesta liña, explicou que neste exercicio de 2013 realizaranse as xestións necesarias para liberar á Xunta de Galicia da carga financeira que lle ocasiona anualmente a autovía entre Dozón e Ourense, e que equipararía esta infraestrutura a outras autovías de competencia autonómica, como as do Barbanza, O Salnés, Santiago-Brión, a inmediata de Ourense-Celanova e a futura da Costa da Morte.

Unha operación que non terá repercusión para os usuarios da vía –é dicir, mantería a súa condición de itinerario libre de peaxe- e permitiría acadar unha diminución do endebedamento da Comunidade Autónoma de 150 millóns de euros.

Con esta operación, ademais, diminuirase dun xeito significativo o gasto plurianual que a Xunta está asumindo nesta infraestrutura, e que suma preto de 1.600 millóns de euros ata final do periodo de explotación (2057). Este gasto corresponde á amortización do préstamo polo importe da autovía, os intereses da débeda e a propia explotación da infraestrutura.

Hernández asegurou que desde o punto de vista financeiro, a concesión tería como principais vantaxes un maior aforro para a Administración, ao posibilitar a disolución da SPI, e o saneamento da Administración, ao deixar de computar a débeda nas contas públicas.

“En definitiva, o obxectivo final é lograr, sen repercusión para os usuarios nin para a calidade do servizo, sanear as contas públicas, optimizar o gasto e, sobre todo, propiciar un novo recurso para afrontar novas actuacións”, afirmou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar