Plan de actuación en 135 quilómetros de estradas de Ourense e o seu entorno

 

O Consello da Xunta formalizou a declaración de supramunicipalidade do Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia, unha planificación que contempla 39 actuacións en 135 quilómetros de estrada cun investimento de 150 millóns de euros a executar entre os anos 2013 e 2020. Alberto Núñez Feijóo destacou que o “obxectivo global” deste plan é “seguridade, rapidez e comodidade” nos desprazamentos dos 140.000 habitantes que viven no contorno da cidade de Ourense, case a metade dos que residen en toda a provincia.

 

O presidente galego citou, así mesmo, como “obxectivos específicos” deste plan sectorial adecuar a rede de estradas ao aumento da mobilidade, mellorar a seguridade desa rede de estradas perimetral urbana, reforzar á accesibilidade ás zonas máis periféricas, mellorar a rede de estradas coa creación de itinerarios alternativos, protexer a calidade ambiental dos espazos de interese natural, dimensionar o plan sectorial de acordo coa situación actual da economía, e xestionar de forma adecuada mellorando as partidas destinadas a conservación e explotación dos viais xa existentes.

O titular da Xunta explicou que o ámbito xeográfico deste plan abarca os concellos de Ourense, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Paderne de Allariz, Taboadela, Barbadás, Toén, Coles, Punxín e Amoeiro. “Polo tanto, remarcou Núñez Feijóo, é un documento dunha extraordinaria importancia desde o punto de vista da planificación urbana, pero tamén de extraordinaria importancia desde o punto de vista de deseñar o futuro destes concellos que conforman a zona máis poboada da provincia de Ourense”.

Núñez Feijóo relatou que, unha vez aprobada a declaración de supramunicipalidade, a Axencia Galega de Infraestruturas someterá a información pública o plan, analizará as posibles alegacións, redactará a memoria ambiental e modificaranse en consecuencia todos os planeamentos dos concellos afectados que deberán ter reserva vial para que estes viais se poidan executar.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar