A Lei de Universidades, orientada a procura de emprego para os estudiantes

Logo de que o Consello da Xunta ratificase, esta mañá, o proxecto de Lei de universidades, que será remitido de inmediato ao Parlamento para a súa aprobación; o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o novo texto permitirá unha “maior eficiencia, accesibilidade e competitividade” do Sistema Universitario Galego.

Feijóo, que lembrou que a norma xurde dun proceso de negociación amplo e frutífero, salientou que ten como obxectivo fundamental “lograr unha maior empregabilidade dos nosos titulados universitarios, fomentar as titulacións de maior futuro e incidir na cooperación e na colaboración das tres universidades, creando entes que podan xestionar conxuntamente para as tres determinados servizos dentro das universidades”. “Imos intentar poñer aínda máis en valor o potencial humano que está residindo nas universidades para o crecemento económico de Galicia e, en consecuencia, para o benestar dos galegos”, engadiu.

Nun primeiro termo, o responsable autonómico subliñou que unha maior eficiencia significa coordinar entre as universidades mediante convenios e proxectos conxuntos, -un dos capítulos nos que se insiste nesta reforma-; e significa crear un ente para xestionar de forma única determinados procesos que se repiten nas tres universidades e que se poden xestionar de forma centralizada. “E, unha maior accesibilidade –precisou-, significa regular por primeira vez as ensinanzas non presenciais universitarias en Galicia”.

No eido da competitividade, Feijóo destacou a aposta por potenciar a especialización dos campus universitarios actualmente existentes e por mellorar o funcionamento dos órganos supervisores. Neste sentido, referiuse á importancia da axencia de calidade do sistema universitario que ten como obxecto blindar a calidade das ensinanzas universitarias; someter as ensinanzas actuais aos controis de calidade periódicos.

Así mesmo, resaltou a inclusión das universidades na Lei de Transparencia; “o que significa, en consecuencia, que todos os sectores universitarios están suxeitos ao principio constitucional de estabilidade presupostaria e ao principio constitucional do control do déficit público”.

Despois da aprobación do Plan de financiamento e do Decreto de titulacións, Feijóo subliñou que esta lei pecha o corpo normativo do Sistema Universitario Galego: “Con ela damos por concluídas todas as modificación legais que se necesitan para o que entendemos ten que ser unha universidade máis eficiente; máis homoxénea; que responda máis ás necesidades obxectivas das empresas galegas, e unha universidade máis simplificada de xeito que se poñan en común a xestión conxunta de determinados servizos que afectan ás tres universidades”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar