Rueda advirte que os que apoian a Resistencia Galega non teñen cabida na sociedade

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, sinalou que os membros de Resistencia Galega «non teñen ningunha cabida na sociedade galega». Como tampouco a teñen, engadiu o tamén secretario xeral do PPdeG, «as súas actitudes nin as persoas que as apoian».

En declaracións aos medios en Cambados, tras a detención dun presunto membro da organización en Ames (A Coruña), Rueda felicitou aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado pola súa actuación. Sobre todo, agregou, «tendo en conta que o novo detido portaba explosivos, o que podería provocar unha traxedia».

«O que temos que dicir con toda a forza do mundo cada vez que se produza unha detención destas características, para os que aínda necesiten entendelo, é que estas actuacións sempre van ter o rexeitamento da sociedade e que as Forzas de Seguridade do Estado sempre van contar co noso apoio para que actúen con contundencia para poñer a este tipo de individuos en mans da Xustiza, que será despois quen adopte as medidas necesarias», resolveu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar