López Orozco reivindica o papel dos alcaldes en Ferrol


Os Alcaldes de Lugo, José López Orozco, e de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiron este luns o acto institucional organizado polo Concello de Ferrol con motivo da festividade de San Xiao, no que as dúas cidades renovaron o seu irmadamento.

López Orozco encabezou a delegación do Concello de Lugo da que formaron parte os concelleiros de Servizos Xerais, Francisco Fraga; Medio Ambiente e Axenda 21, Lino González Dopeso; Servizos Sociais, Ana González Abelleira, e de Educación, Esther Muñoz, xunto con outros membros da Corporación municipal.

O acto tivo lugar no Teatro Jofre da cidade ferrolá e nel foron entregadas as distincións de “Ferrolán do Ano” e da Insignia de Ouro do Ferrol. Nesta edición, os galardóns foron entregados polos dous rexedores á Sociedade Empresarial Galictio, formada polas firmas comerciais Indasa, Gabadi, Electrorayma e Tecnimo, mentres que o profesor e investigador ferrolán Luis Alonso Girgado; o Pantín Classic e a Asociación Sociocultural de Minusválidos, recibiron as ditas insignias de ouro.

TRANSMITIR ESPERANZA

No discurso que pronunciou durante o acto, López Orozco coincidiu co alcalde de Ferrol na importancia de que as dúas cidades teñan “uns obxectivos claros que conquistar”. Salientou, tamén, que é necesario transmitir “esperanza á sociedade nun momento de tanta preocupación como o que vivimos, pero no que debemos ser conscientes de que só se sae adiante co empuxe de todos, traballando xuntos e sen terlle medo ó futuro” e considerou que tanto Lugo como Ferrol, teñen que aproveitar a oportunidade de colaboración que supón a conexión das dúas cidades, así como de Vilaba e As Pontes por autovía.

López Orozco reivindicou, ademais, o traballo que fan os alcaldes nun momento, dixo, “no que parece que hai quen ten interese en convertirnos ós alcaldes en culpables máximos da situación do país e iso non é certo, xa que os Alcaldes temos responsabilidade, como todos, pero as estatísticas demostran que non somos os grandes derrochadores que algúns parecen facer ver”. Neste sentido, o Alcalde de Lugo animou ó rexedor de Ferrol, que tamén é o Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, a que “sigas reivindicando o papel dos alcaldes e as alcaldesas que traballamos no desenvolvemento dos nosos concellos e queremos seguir traballando a pesar de que temos moi poucos vimbios, porque só se está a falar do déficit e o máis fácil para non ter ningún déficit é non facer nada, pero nós non podemos porque a nosa porta sempre chaman as persoas que máis o necesitan e o que debemos facer é traballar unidos, esquecendo os localismos”.

Tanto o Alcalde de Lugo como o de Ferrol puxeron ós galardoados hoxe como exemplo dos méritos e valores de esforzo e traballo, que deben servir de exemplo para toda a sociedade.

Ademais, José Manuel Rey destacou que “o naval e o mar son o noso principal motor económico”, renovou o compromiso da Corporación ferrolá na recuperación do sector naval e fixo un chamamento “á unidade fronte á división”.

«FERROLÁN DO ANO»

A distinción de “Ferrolán do Ano 2012” foille entregada a Galictio en recoñecemento a súa labor de expansión na procura de novos mercados no exterior ante a falta de carga de traballo dos estaleiros da ría de Ferrol. Nesta liña, cómpre subliñar que Galictio formouse para desenvolver proxectos navais en países emerxentes como Uruguai e Brasil. Así, no primeiro destes países a devandita sociedade empresarial está construíndo tres barcazas para o transporte de madeira, desprazando a máis de unha trintena de operarios –entre mandos e operarios-. A primeira das barcazas foi botada o pasado mes de xullo en Montevideo, con presenza do presidente da República de Uruguai, José Múgica. A segunda das unidades que constrúe Galictio para Uruguai botarase en marzo e a terceira en agosto. Ao mesmo tempo, esta firma ten presenza en Recife (Arxentina) e Suape (Pernambuco, Brasil), lugares onde presta actividades de colaboración no ámbito naval.

Ademais foron recoñecidas coa Insignia de Ouro do Ferrol o mestre e investigador ferrolán Luis Alonso Girgado, que viviu e deu clase durante sete anos na cidade de Lugo; a Pantín Classic, campionato de surf que este ano celebrouse o seu 25 aniversario e neste tempo consolidouse como unha das probas máis importantes no circuíto mundial desta modalidade deportiva, e a Asociación Sociocultural de Minusválidos, entidade sen ánimo de lucro que desde hai 25 anos traballa a prol da integración das persoas con discapacidade nos aspectos de accesibilidade, a práctica de deportes, a formación e a orientación e intermediación laboral, transporte e voluntariado.

Os actos institucionais remataron contra das dúas da tarde logo da actuación da Banda Ferrolá de Música coa tradicional degustación de arroz con leite.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar