Cambados recupera o edificio de Exposalnés

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e alcalde de Cambados, Luis Aragunde, formalizaron hoxe a reversión ao concello do edificio de ‘Exposalnés’.

Rueda e Aragunde, acompañados do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asinaron un convenio para entregar ao concello de Cambados o inmoble do Paseo da Calzada.

 

O edificio fora cedido polo concello cambadés á Xunta en 1996, para que o Executivo galego construíra nel un centro de exposición permanente de recursos comarcais. Na actualidade o inmoble non se estaba a utilizar, nin pola Administración xeral, nin polos seus órganos dependentes, para os fins para os que tiña sido cedido.

A este respecto, Rueda destacou a cooperación entre administracións -neste caso a autonómica e a local- porque beneficia aos cidadáns de Cambados, que a partir de agora volverán contar cunha parte importante do seu patrimonio e destinalo a usos máis racionais e eficientes.

Pola súa banda, o alcalde quixo agradecer ao vicepresidente da Xunta a axilidade para tramitar o procedemento, o que permitirá a todos os cambadeses contar cuns servizos municipais mellor dimensionados, sen necesidade de recorrer a compras ou alugueiros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar