Outorgados a 40 estudantes de secundaria os premios ao rendemento, esforzo e superación

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recoñeceu o labor diario de 40 estudantes de educación secundaria coa concesión de 20 premios extraordinarios ao rendemento e outros 20 ao esforzo e á superación persoal.

Os galardoados son estudantes que durante o ano académico 2011/2012 cursaron cuarto de ESO no réxime ordinario en calquera dos centros educativos de Galicia, explicou o departamento que dirixe Jesús Vázquez nunha nota de prensa.

Con estes premios, a consellería pretende fomentar entre os alumnos a cultura do esforzo no estudo, reforzando aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntando excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

En concreto, na categoría de premios ao esforzo e á superación persoal resultaron premiados nove alumnos da provincia da Coruña, cinco de Lugo, dous de Ourense e catro de Pontevedra.

Pola súa banda, na modalidade de rendemento académico os candidatos debían contar cunha media nas cualificacións dos catro cursos da ESO igual ou superior a nove puntos, ademais de superar unha proba específica para alcanzar o premio.

Nesta modalidade resultaron premiados dous alumnos da provincia de Ourense, catro da provincia de Lugo, nove da provincia de Pontevedra e cinco alumnos da provincia da Coruña.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar