TVG é a segunda canle mais vista e lidera o «prime time»

 

 

A Televisión de Galicia rematou o ano 2012 con niveis de audiencia por riba do ano anterior, xa que a súa audiencia media de decembro foi de 12,2%, catro décimas máis que o dato equivalente de 2011, segundo os datos de audimetría elaborados por Kantar Media. Deste xeito foi a segunda canle máis vista en Galicia, a tan só 1,2 puntos de cota do liderado, acadado nesta ocasión por Tele 5 co 13,4%, e por diante de La 1 (11%), Antena 3 (10,7%) e outras que en ningún caso chegaron ao nivel do 6%.

O fito da Galega é aínda máis notorio na faixa de maior audiencia, o prime time, no que obtivo unha cota do 13,8% en decembro, converténdose en líder absoluta e superando ao seu competidor máis próximo Tele 5 (13,3%). Con respecto ao mes anterior cómpre salientar que a TVG foi a canle que máis medrou, un 6,1% ou 7 décimas de cota. Entre as canles autonómicas a TVG consolidou a segunda posición tanto no conxunto do día como no prime time, só superada pola televisión catalana.

Con referencia aos programas máis vistos do mes, a TVG ostenta un claro liderado ao contar con 14 dos 25 espazos con maior audiencia. A seguinte canle foi La1 con 6 programas, seguida de Tele 5 con 4 e La Sexta cunha única emisión.

En decembro a TVG mantivo o liderado nas fins de semana, cunha cota de 12,3% nos sábados e de 11,8% nos domingos. No que corresponde ao prime time, acada o liderado nos xoves (13,6%), venres (16,7%), sábados (13,1%) e domingos (13,5%). Neste mes a TVG contou cunha audiencia de 2.279.000 individuos, o que equivale ao 86,3% dos galegos de 4 e máis anos.

Exitoso peche do ano

Os bos indicadores de seguimento da Televisión de Galicia foron visibles ata o último día do ano. Os telexornais foron líderes en Galicia, co 31,7% de cota o de mediodía e o 18,5% o do serán, mentres que o discurso institucional do presidente da Xunta, emitido ás 14.10h obtivo unha audiencia do 31,1%.

En canto á programación específica para celebrar a entrada no Aninovo, TVG conseguiu ser a segunda opción máis seguida polos galegos e galegas, co 15,8% de share para o programa especial presentado por Xosé Ramón Gayoso e Silvia Jato, e o 16,1% para a transmisión en directo das badaladas desde a Praza do Obradoiro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar