Doados 1.600 xoguetes grazas a unha campaña solidaria en Compostela

A campaña Compar-T un xoguete, posta en marcha polo Equipo de Dinamización Social do programa Urbana Santiago Norte en colaboración coa Cruz Vermella de Santiago, permitirá repartir, ao longo da xornada do xoves 3 de xaneiro 1.612 xoguetes, grazas á colaboración desinteresada de particulares e diferentes entidades. A concelleira de Benestar Social en funcións, María Castelao, fixo balance desta iniciativa.

Os agasallos doados, máis do dobre que na pasada edición da campaña, serán repartidos entre 330 nenos e nenas de 130 familias da zona do Urbana Santiago Norte, que se beneficiarán da xenerosidade e solidariedade dos composteláns. Os agasallos serán entregados aos pais e nais que previamente o solicitaran na Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES). Segundo explicou a concelleira María Castelao, os agasallos repartiranse en función dos perfís de cada rapaz e das peticións feitas polas propias familias.

O Equipo Urbana veu recollendo ata o 21 de decembro xoguetes novos ou usados en bo estado, para que os nenos e nenas das familias cunha situación económica máis deprimida, poidan sorrir e vivir as datas do Nadal igual que o farán outros/as nenos/as cunha situación máis favorable. Entre as entidades que participaron, e ás que o Equipo de Dinamización do USN agradece a súa colaboración figuran, ademais de Cruz Vermella, Red Madre de Cáritas, Escola Infantil de Tras Parlamento, Gardería Cativos, CEIP Quiroga Palacios e, moi especialmente, os centros comerciais Leroy Merlín e Alcampo de Santiago. O agradecemento faise extensivo a moitos outros cidadáns de Santiago que colaboraron a modo particular solicitando a recollida dos seus xoguetes no seu domicilio ou achegándose a Casa das Asociacións de Benestar Social.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar