Desmantelada unha rede que introducía drogas na Costa da Morte

 

   Axentes da Guardia Civil da localidade coruñesa de Corcubión desmantelaron unha organización que se dedicaba á introdución de estupefacientes en distintas localidades da Costa da Morte. O operativo saldouse con cinco persoas detidas e 660 doses de droga intervidas.A denominada ‘Operación Cleaner’ saldouse con cinco detencións, dúas mulleres de orixe brasileira e tres varóns veciños de Fisterra, segundo informa o Instituto Armado.

Os axentes incautáronse de 660 doses de droga, entre heroína e cocaína, ademais de substancias de corte, elementos de pesaxe e envoltorios para a súa distribución.

Xunto coas drogas e os efectos para o seu tratamento, tamén se interviñeron varios teléfonos móbiles e uns mil euros en moeda fraccionada.

Todo estes efectos foron intervidos tras varios rexistros domiciliarios levados a cabo, baixo mandato xudicial, en Fisterra (A Coruña), que era onde residían todos os detidos.

PECHADOS TRES LUGARES DE VENDA

Segundo as investigacións do Instituto Armado, que se dilataron durante uns tres meses, as localidades nas que máis incidía esta rede, á hora de introducir as drogas, eran Cee, Corcubión e Fisterra, aínda que se ten constancia de que os agora imputados ampliaran a súa distribución a outras lugares da bisbarra. En calquera caso, os axentes lograron pechar fisicamente tres lugares de venda de heroína na localidade de Fisterra.

Os cinco detidos foron postos a disposición do xulgado de garda de Corcubión e dous deles ingresaron en prisión, mentres os outros tres quedaron en liberdade con cargos.

BALANCE

Tras este operativo, a Guardia Civil de Corcubión pecha o ano 2012 na loita contra o narcotráfico cun balance de 12 detidos, dos cales seis ingresaron en prisión, e a incautación de algo máis de 150 landras de hachix e unhas 3.000 doses de heroína, cocaína e anfetamina.

Xunto coa droga tamén foron intervidos unha vintena de teléfonos móbiles, varios vehículos e unha cantidade importante de diñeiro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar