Nova campaña de promoción do voluntariado para os maiores de 50 anos en España e Noruega

 

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, pon en marcha o seu segundo proxecto de voluntariado europeo para maiores de 50 anos, ‘Still Being Active’, subvencionado polo plan Grundtvig dentro dos Programas de Aprendizaxe Permanente da Comisión Europea, xunto coa organización Hordaland County Council de Noruega.

A finalidade do programa é proporcionar ás persoas de máis de 50 anos de España e Noruega unha oportunidade para mellorar os seus coñecementos, habilidades e competencias, sobre todo dixitais, lingüísticas e interculturais, que reforzarán a mensaxe de que a idade non pode parar ás persoas na súa aprendizaxe. Isto lograrase a través da realización de actividades voluntarias noutro país, mellorando a súa calidade de vida e promovendo a cidadanía activa da sociedade europea.

 

 Ovidio Rodeiro, director xeral de Xuventude e Voluntariado

Con esta actividade de intercambio de aprendizaxe intercultural, preténdese animar ás persoas de máis de 50 anos a valorar a contribución que poden facer á sociedade a través das súas ideas, habilidades, enerxía, compromiso e, sobre todo, a súa experiencia vital, para construír unha sociedade mellor. O reto é empregar a maior parte do gran potencial que as persoas albergan e achegar posibilidades de vivir experiencias noutras culturas para así dar a coñecer unha realidade cultural e social máis ampla como é a europea.

En total, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado enviará seis voluntarios galegos a Bergen (Noruega) e acollerá outros seis procedentes da organización Hordaland County Council de Noruega. Cando regresen a casa, preténdese que continúen co voluntariado e coa súa educación nas súas comunidades locais. A intención de ambas organizacións é favorecer o intercambio de experiencias, boas prácticas e coñecementos para reforzar a idea dunha cidadanía activa e participativa a través do voluntariado.

O perfil dos participantes son persoas de entre 50 e 70 anos, que non tiveran ningunha experiencia previa de mobilidade europea e que colaboren nalgunha entidade do Rexistro de Acción Voluntaria da Xunta de Galicia. Valorarase que teñan interese nas actividades interculturais, que compartan a idea dunha cidadanía activa e teñan interese pola loita contra o racismo e a xenofobia; conten con capacidade de comunicación e habilidades sociais, que sexan entusiastas con grande iniciativa, teñan valores e ideais de solidariedade e identidade europea, e desexo de compartir a súa cultura.

 ESTADÍA EN BERGUEN (NORUEGA)

As seis persoas seleccionadas viaxarán a Berguen (Noruega) do 13 de maio ao 9 de xuño de 2013 (4 semanas), para compartir os seus coñecementos e habilidades, participar en actividades culturais e colaborar en proxectos de voluntariado social, traballando xunto aos voluntarios locais apoiando individuos, grupos ou comunidades vulnerables.

O custe para tomar parte desta iniciativa é gratuíta, ofertándose aos voluntarios e voluntarias aloxamento e pensión completa, o desenvolvemento dun programa de actividades e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar