Puy replica aos socialistas que «todolos conselleiros» comparecerán a partir do dia 9

O Voceiro do PPdeG no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, replicou ao PSdeG que «xa está previsto que todos os conselleiros» comparezan a partir do próximo día 9 de xaneiro para «dar conta das liñas estratéxicas e dos presupostos dos seus departamentos para o próximo 2013».

Así o manifestou nun comunicado o dirixente popular despois de que o voceiro dos socialistas galegos, Abel Losada, reclamase este domingo a comparecencia do equipo de goberno de Feijóo nun pleno extraordinario para que detallen as súas liñas de actuación.

«A mellor forma de dar conta e avanzar os obxectivos de cada consellería é a través do destino que van dar aos presupostos e as actuacións e medidas que van adoptar a curto e medio prazo», asegurou Pedro Puy antes de incidir en que as comparecencias terán lugar «a partir do día 9 de xaneiro» en días sucesivos».

Sobre esta cuestión, o voceiro popular criticou que os socialistas «digan agora que os cidadáns deben coñecer o que pensa Feijóo para os próximos catro anos, cando hai dúas semanas que o novo Presidente galego expuxo no debate de investidura o seu programa de goberno».

«A día de hoxe aínda estamos á espera de que os socialistas galegos respondan á proposta de pactos que lles fixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nese debate de investidura para alcanzar unha postura de país polo futuro do medio rural, así como nos fondos europeos, no financiamento autonómico ou na ordenación municipal,» lamentou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar