Os gardacostas comisaron 1,7 toneladas de peixe e marisco este Nadal

Algúns dos medios marítimos e aéreos do Servizo de Gardacostas de Galicia

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, comisaron máis de 1,7 toneladas de peixe e marisco e incautaron 263 aparellos de pesca en distintos operativos realizados na nosa comunidade nas últimas semanas, varios deles en colaboración con Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. As actuacións desenvolvéronse co obxecto de controlar as canles de comercialización nas datas de Nadal e evitar que chegue produto ao consumidor por fóra dos cauces legais de comercialización, de maneira que o produto cumpra con todas as garantías hixiénico-sanitarias.

Na ría de Arousa, os gardacostas desenvolveron varios operativos que se saldaron coa incautación de 370 quilos de peixe e marisco e 26 artes. A actuación máis significativa foi a que se realizou en Ribeira, onde os axentes requisaron unha embarcación por carecer de nome e folio, 153 quilos de peixe e marisco e 6 viveiros.

En Vigo, os Gardacostas comisaron máis de 527 quilos de diversas especies, na súa maioría xurelo e polbo e fixéronse con 9 aparellos de pesca- case todo nasas sen identificar en zona prohibida- e cun vehículo. O operativo máis importante realizouse no porto do Berbés, onde se comisaron máis de 412 quilos de peixe e marisco, a maioría xurelo que carecía de documentación e polbo de talla antirregulamentaria.

Lino Sexto, subdirector do servizo de Gardacostas de Galicia

Nas zonas de Barreiros e Burela, os inspectores da Xunta requisaron máis de 183 quilos de especies. O operativo máis importante levouse a cabo en Burela onde se aprehenderon 180 quilos de palometa vermella.

A Coruña tamén foi escenario doutros operativos de gardacostas. Neles requisáronse 94 artes, sobre todo trasmallos, e comisáronse máis de 190 quilos de especies. Destaca a actuación da zona de Oza onde se requisaron 53 quilos de peixe e marisco, case todo salmonete e 17 aparellos de pesca, a maioría pezas de miños sen identificar en zona prohibida.

Na Ría de Ares e Betanzos realizouse ademais outra intervención, que se saldou coa aprehensión de máis de 19 quilos –a maioría de vieira-, e 100 nasas de ferro. Na Ría de Aldán, os axentes levaron a cabo unha inspeccións na que requisaron 21 pezas de miños.

Por outra banda, en Ferrol os axentes do servizo dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar comisaron preto de 43 quilos de peixe e marisco –a maioría ameixa babosa- e incautaron 10 artes de pesca.

Finalmente en Corcubión tamén se desenvolveu un operativo no que os gardacostas comisaron 2,5 quilos de marisco e 2 pezas de betas.

Controis por estrada
Nas inspeccións realizadas nas canles de comercialización requisáronse máis de 396 quilos de diversas especies. Así nas Rías Baixas, os inspectores fixéronse con máis de 326 quilos de marisco, a maioría berberecho. Esta actuación desenvolveuse xunto coa Policía Autonómica.

Nun control realizado nunha estrada de Ourense requisáronse máis de 24 quilos de centola que carecía de documentación que amparase a súa legalidade. Por último noutra estrada do concello de Baralla (Lugo) requisáronse máis de 45 quilos, case todo polbo e pescada. Ambas actuacións foron realizadas entre axentes de Gardacostas e a Garda Civil.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar