O centro Novacaixagalicia da Coruña proxectará a película ‘O Apóstolo’

 

   O centro de Novacaixagalicia proxecta o próximo luns e mércores a película de animación galega ‘O Apóstolo’ no seu Centro Sociocultural de A Coruña, situado en Cantón Grande, que tamén acollerá o visionado do filme este venres.

O pase do luns 31 de decembro será ás 12.00 horas e mércores 2 de xaneiro ás 17.30 horas. Ambos os dous teñen un prezo de 3 euros por entrada, que se poderá adquirir no propio lugar. Ademais, os espectadores poderán participar coa súa entrada no sorteo dunha viaxe para dúas persoas a través do Camiño de Santiago, partindo de Sarria.

Deste xeito, a caixa súmase a esta iniciativa como parte da súa estratexia de apoio e promoción ao cinema e á industria audiovisual galega. De feito, a entidade colaborou no proceso de produción da banda sonora do filme a través do seu Orfeón Terra A Nosa.

‘O Apóstolo’, de íntegra produción galega e con subtítulos en inglés, ten entre os seus méritos ser a primeira película europea realizada en animación stop-motion estereoscópica, ademais de comezar o seu percorrido internacional o pasado mes de xuño no Festival Internacional de Cinema de Moscú, que por primeira vez presentou unha fita de animación para competir na Sección Oficial.

GALARDOADA INTERNACIONALMENTE

Recibiu tamén o Primeiro Premio no Festival EXPOTOONs de Bos Aires, o galardón audiovisual máis recoñecido de Latinoamérica, e o Gran Prix del Festival Cinehorizontes de Marsella.

Estes galardóns avalan a calidade dunha película que conta coa interpretación de actores como Geraldine Chaplin, Jorge Sanz, Paul Naschy, Carlos Blanco, Luis Tosar, Celso Bugallo, Isabel Blanco ou José Manuel Olveira, ‘Pico’.

Todos eles defenden unha historia na que un convicto recén fuxido do cárcere tratará de recuperar un botín escondido anos atrás nunha solitaria e apartada aldea; pero o que alí atopará supón unha condena aínda maior da que fuxiu.

Sinistros anciáns, estrañas desaparicións, espíritos, un peculiar sacerdote e ata o mismísimo arcipreste de Santiago cruzarán os seus camiños nun relato de terror, humor e fantasía.

Nos catro anos que durou a produción do proxecto déronse cita profesionais do talle de Philip Glass, que participou na composición da banda sonora, ou os máis de cen técnicos internacionais que participaron en películas do nivel de ‘A noiva cadáver’, ‘Coraline’ ou ‘O señor dos Aneis’.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar