O 2012 despídese con alerta laranxa en toda a costa e choivas no interior

Galicia terá un último día do ano con ceos moi anubrados, con ventos entre moderados e fortes, e con precipitacións que irán avanzando dende o oeste ao leste ao longo da xornada, para dar paso a unha xornada de ano novo na que haberá apertura de claros e as precipitacións irán remitindo a medida que avance o día.

As precipitacións deste luns serán persistentes e moderadas durante a tarde, mesmo localmente fortes e acompañadas de aparato eléctrico. Coa chegada do ano novo, o martes, os ceos estará anubrados pola mañá con precipitacións débiles e dispersas. A cota de neve estará en descenso en ambos os dous casos ata os 1400 metros.

Segundo a información de MeteoGalicia, este luns os ventos soprarán de moderados a fortes de compoñente sur durante o día, con refachos moi fortes no litoral e nas zonas altas. Coa chegada da tarde irán soprando a compoñente oeste e remitindo.

Pola súa banda, este luns as temperaturas mínimas estarán en lixeiro ascenso; mentres que as máximas non terán cambios significativos. A Coruña rexistrará a temperatura máxima do último día do ano e será de 15 graos mentres que a mínima será de dous graos en Pedrafita.

En canto a ano novo, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía rexistrarán as temperaturas máis elevadas con 14 graos, mentres que a mínima será tamén de dous graos en Pedrafita e Verín.

Alerta laranxa en toda a costa galega

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza alertou dun temporal de nivel laranxa que afecta a todo o litoral galego.

Segundo a previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a través da súa delegación territorial en Galicia, dende este domingo haberá mar de fondo de oeste-noroeste de 4 e 5 metros, no noroeste e sueste da provincia de A Coruña. No resto do litoral galego espera mar de fondo do oeste-noroeste con ondas de catro metros.

Co fin de garantir a seguridade de bens e persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informou da situación de meteoroloxía adversa a todos os concellos e organismos das tres provincias costeiras.

Así mesmo, Emerxencias recorda á poboación a importancia de evitar aproximarse a diques ou rompentes para previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar a persoas ou obxectos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar