Nenos de toda a provincia acoden en excursións organizadas a «Pazolandia»

Un total de 65 concellos da provincia de Ourense confirmaron ata o momento a asistencia de nenos deses municipios a Pazolandia, o maior parque estacional de atraccións de Galicia, que permanecerá aberto ao longo destas datas de Nadal. Desde que o pasado día 25 se abriran as portas de Pazolandia xa foron centos de nenos chegados do rural e da capital ourensá os que gozaron das actividades lúdicas que ofrece este ano Pazolandia. Estímase que uns 5.000 nenos do rural ourensán asistirán este ano a este parque de atraccións promovido e patrocinado pola Deputación de Ourense.

O presidente provincial, Manuel Baltar, visitou as instalacións de Pazolandia, acompañado polo director do Pazo dos Deportes, Ángel Cid; polo coordinador de Pazolandia, José Domarco, e polo asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, realizando un percorrido polas diferentes atraccións, obradoiros e todas as actividades de lecer que oferta Pazolandia.

Agárdase que ata o vindeiro 4 de xaneiro uns 20.000 nenos visiten o Pazo dos Deportes para participar nas actividades repartidas nos preto de 8.000 metros cadrados de espazos, de interior e exterior, que dedica o pavillón a Pazolandia.

O parque conta con atraccións clásicas de feira, obradoiros, animación, simulador en 3D, ludotecas, multiespazo de videoxogos, ciberespazo de Internet, hinchables e pista de esquí, entre outras actividades. En todas elas, xunto coa organización e coordinación do evento, traballan ao redor dunas cen persoas entre persoal das atraccións, limpeza, monitores de animación, técnicos electricistas e de mantemento, montadores, coidadores, persoal da Cruz Vermella, médicos, vixiantes e persoal administrativo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar