As hipotecas crecen en Galicia 5,3%, fronte ao descenso nacional

 

   O número de hipotecas constituídas sobre vivendas en outubro en Galicia creceu un 5,3 por cento con respecto ao mes anterior, fronte ao descenso de case 10 puntos da media do Estado. Non obstante, as hipotecas descenderon na comunidade galega un 34% en relación co mesmo mes de 2011, ata as 948 operacións, o que representa unha caída case 20 puntos superior á estatal, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

No conxunto de España, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas ascendeu a 19.105 en outubro deste ano, cunha caída do 14,4% respecto ao mesmo mes de 2011.

En canto a Galicia, o importe medio desas 948 hipotecas constituídas sobre vivendas situouse nuns 86.527 euros, un 39,6% por debaixo do dato do mesmo período do ano anterior, aínda que un 3,7% máis que en setembro.

O outubro rexistráronse en Galicia 1.911 hipotecas constituídas sobre terreos rústicos e urbanos, que representaron un capital superior aos 175 millóns de euros. Delas, 1.814 correspóndense con predios –máis de 168 millóns de euros– e 75 con terreos rústicos –pouco máis de sete millóns de euros–.

No que se refire aos predios, a maiores das 948 hipotecas creadas sobre vivendas, os datos do INE reflicten a constitución de 186 hipotecas sobre soares e 680 na categoría de ‘outras urbanas’ na Comunidade galega.

Segundo entidade prestamista, destaca o recurso aos bancos (1.634), que acapararon máis de 145 millóns de euros; seguidos por outras entidades (99) e caixas de aforros (81) aos que corresponderon 10,9 e 11,7 millóns de euros, respectivamente.

No que respecta aos terreos rústicos, 62 hipotecas foron concedidas por bancos, 19 por caixas de aforro e 16 por ‘outras entidades’.

CANCELACIÓNS

Galicia rexistrou 1.930 cancelacións no pasado mes de outubro, a maioría (1.187) correspondentes a hipotecas sobre vivendas e o resto sobre outras categorías urbanas (455), terreos rústicos (148) e soares (140).

En canto á entidade prestamista, 1.041 cancelacións corresponden a bancos, 695 a caixas de aforro e 194 a outras entidades. Nos terreos rústicos, 116 cancelacións corresponderon a bancos, 16 a caixas de aforro e outras 16 a outras entidades, mentres que no caso dos predios, 925 corresponderon a bancos, 679 a caixas de aforro e 178 a outras entidades.

CAMBIOS

Por último, efectuáronse 589 cambios sobre hipotecas en Galicia en outubro: 552 novacións, 16 subrogacións do debedor e 21 subrogacións do acredor.

Por natureza do terreo, 26 dos cambios tiveron que ver con terreos rústicos e ata 563 con predios, dos que 336 das modificacións se realizaron en hipotecas sobre vivendas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar